A novasubdelegada do Goberno en Pontevedra coñece perfectamente a administración pública. Leva máis de vinte anos traballando na Xunta de Galicia.
Foi subdirectora xeral de Familia en Santiago, secretaria provincial de Educación en Ourense, durante oito anos secretaria provincial de Agricultura en Pontevedra, outros tres anos estivo en Vigo na Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta e de letrada no SMAC - Servizo de Mediación Arbitraxe e Conciliación-, e nestes oito últimos encabezou a Secretaría da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra.
Un par de semanas antes do seu nomeamento -o 1 de febreiro-, tivo coñecemento da proposta. A noticia supuxo a Ana Ortiz "unha enorme responsabilidade, un pouco de medo escénico e ao tempo moita ilusión e orgullo" por ser a persoa en quen decae a designación, afirma neste Cara a cara de PontevedraViva Radio. Unha circunstancia engadida que lle acompaña tamén agora é ser a primeira muller con este cargo na provincia de Pontevedra. Algo que debería ser iso, circunstancial, e non cosustancial para valorar a súa traxectoria na Subdelegación.
Pódese afirmar que o seu é a xestión, aínda que cando lle tocou "saír a escena" é resolta e desenvolta. Sabe conformar e dirixir equipos de traballo, o cal leva unhas calidades que lle poden resultar moi útiles nas súas recentes funcións. Afeita tamén a escoitar demandas e reivindicacións, será outra das lides máis ou menos frecuentes nesta representación do Goberno. E outro elemento ao seu favor: estes oito anos percorrendo a provincia confírenlle un bo coñecemento da mesma.
Estas semanas serán de moita entrevista de cortesía, de ir axustándose ao novo espazo administrativo, pero na súa toma de posesión xa avanzou tres prioridades: atallar a violencia machista, algo que lle resulta máis preocupante se cabe entre a poboación máis nova; e reducir a delicuencia e a sinistralidade nas estradas.