O Cara a cara de PontevedraViva Radio mira como o resto de programas ao 8M. Rosa Gago Noya é a muller que este 2017 recibiu a homenaxe do sindicato UXT nas comarcas de Pontevedra e Arousa. Recoñecemento á súa traxectoria reivindicativa pola igualdade laboral e de dereitos entre mulleres e homes.
Esta arousá comezou a traballar con 15 anos, e foi como nos lembra no Cara a cara de PontevedraViva Radio nunha pastelería-cafetería. Logo, con 18 anos e ata a súa prexubilación en 2011 dedicouse á fabricación de latas de conserva na súa Vilagarcía natal, en Megasa. Naquel ano o cambio de propietarios levou a unha reestruturación do persoal, e Rosa no comité de empresa, tivo que pasar os momentos máis amargos e complicados da súa traxectoria sindical.
Moveuse nun sector eminentemente feminino; non así nos seus inicios sindicais, onde a presenza feminina era ínfima nos comezos da etapa democrática. Visto o paso das décadas, Rosa Gago considera que a situación laboral das mulleres deu pasos atrás, sen esquecer que a crise pasou o filo a todos. "Antes preguntábanche, queres traballar un sábado ou un domingo? e se querías traballábalo, e se non, non. Agora nin che preguntan, nin te atreves a dicir que non".
Pertencente a unha xeración á que, por ser muller, presupoñíaselle ter un marido e fillos, Rosa nunca se sentiu obrigada a iso. De feito, cóntanos que ten parella "desde case os 50 anos", pero "nada de papeis por medio".
Non atopa unha explicación ante a permisividade dos mozos e adolescentes actuais a que exerzan control e se deixe controlar polas súas parellas e cualifica de intolerable as cifras de vítimas de violencia machista que xa se acumulan este ano.