Con permiso de Alejandro Sanz, que titulou como "Capitán tapón" a canción adicada ao seu fillo; utilizo este apelativo para identificar o protagonista deste Cara a cara de PontevedraViva Radio. Kique Magdalena, xornalista de profesión e altruísta de vocación, ou viceversa, embarcouse neste proxecto o pasado novembro.
Reciclou o Mercedes familiar, coa súa historia persoal, e pasou a ter unha segunda vida co nome de "taponeta". Outro elemento fundamental desta historia son os tapóns, que unha vez recollidos para a súa reciclaxe, reportan unha cantidade de diñeiro que destina aos protagonistas últimos desta iniciativa: nenos enfermos cuxas doenzas non poden sufragar as súas familias.
Hai que dicir que a "taponeta" está a ter unha gran acollida, sobretodo nos patios escolares. Alí cóntalles aos pequenos que aínda que é maior e cústalle en ocasións poñerse a andar, está encantada de recoller todos os tapóns que lle entreguen porque comprobaron - "Capitán tapón" e a súa tripulación - que hai outros nenos que están a mellorar a súa calidade de vida grazas a iso que leva reciclar estes plásticos.
Sería xenial que a "taponeta" puidese volver descansar, pero mentres os servizos públicos non dean cobertura a estas carencias, síntese na necesidade de difundir esta mensaxe de solidariedade. E así o leva escrito: "tapóns solidarios".
Podes coñecela e seguir as súas andainas e experiencias no perfil de facebook Taponeta Solidaria. Ou difundir a súa mensaxe cos adhesivos que se fixeron para o proxecto, algunha viaxa xa por Estados Unidos. Así que a que esperas? Non refugues os teus tapóns e suma solidariedade.