O pasado 31 de marzo o Consello de Ministros aprobaba a rebaixa do 21 ao 10% no IVE cultural de espectáculos en vivo. Esa mesma xornada no pleno da Deputación de Pontevedra aprobábase por unanimidade dos grupos políticos representados unha moción do deputado de Coalición Electoral SON instando á entidade provincial a que rexeitase esa rebaixa para os espectáculos taurinos.
Dito resultado motivou un profundo malestar entre a afección taurina da capital, fundamentalmente polo posicionamento que tomaron desde grupo provincial do PP, votando a favor e sen ningunha argumentación.
En PontevedraViva Radio nas Conversas na Ferrería preguntamos por esta controversia ao deputado popular Luís Aragunde (e ante o contratempo de saúde que impediu a asistencia a Ángel Moldes); ao concelleiro do PP no concello pontevedrés, César Abal - tamén membro da peña taurina Once-; e a dous responsables da Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra: José Vicente Martín, o seu tesoureiro; e Juan Riveiro, o seu presidente.
O deputado cambadés explicou que esa votación non foi nada máis que un xesto. Un xesto que seguidamente explicou, lembrando que o seu grupo xa votara en anteriores ocasións contra mocións que supuxeran un ataque á tauromaquia, porque "desde o PP apoiamos a festa nacional; pero tendo en conta o momento que aínda vive este país, queda moito por facer". Isto é, que se poderían priorizar outros ámbitos que resulten máis acuciantes.
José Vicente lamentaba que unha vez máis se discrimine este sector porque a demanda só se refire ao taurino e non ao resto de espectáculos en vivo. Replicaba ao político a referencia ao "xesto", apuntando que dado que a Deputación non ten capacidade para aplicar o contido da moción, ben se podería optar pola abstención e argumentar as prioridades que ata este momento non aportaran. De feito, mostraba o seu convencimento de que desde a empresa taurina que xestiona a praza pontevedresa non terían inconvinte en realizar un evento solidario pero dubidaba que as correntes contrarias permitíseno, como xa sucedeu en máis dunha ocasión noutras cidades.
Juan Riveiro deixaba constancia da sorpresa e malestar xerado por esta votación entre os afeccionados que conforman a Coordinadora. Máxime por aqueles que non se sentiron apoiados pola formación á que votan. Seguindo o argumento que aportaba o deputado, instaba a que sexan claros nos seus criterios e tamén se demanden esas necesidades económicas que aínda require a sociedade na provincia, facilitando axudas a colectivos ou sectores da poboación que o requiran e onde si ten marxe de manobra a Diputación.
Dado que esa moción, parte dunha campaña da Plataforma Galicia Mellor sen Touradas e a Asociación animalista Libera para que se leve a plenos municipais e provinciais - e que Marea asumiu-, tamén se prevé que chegue ao concello desta capital. César Abal, avanzaba que cando se suscite o seu grupo volverá votar en contra, como se votaron outras iniciativas contrarias os touros.