De ascendencia negreiresa por parte de pai e morañesa por parte de nai, Jacobo Moreira Ferronaceu en Santiago e alí viviu ata que, casado, abriu o seu despacho como avogado e asentouse en Pontevedra. Fala con certa nostalxia dos recordos da infancia, dos veráns na aldea en Negreira, na praia en Marín ou de campamentos. Etapas estivais ao "Verano azul" que marcaron a esta xeración dos 70.
E é desa etapa infantil, de onde sacamos a primeira sorpresa deste concelleiro e deputado do PPdG. Mentres esperaban a conseguir praza escolar acompañaba a súa nai ao seu traballo nunha escola unitaria de Vedra. Alí, vendo e escoitando, aprendeu antes de tempo a ler ou canturrear as capitais españolas. Era o máis pequeno daquel grupo pero "o fillo da mestra" era o rei do cotarro. Resultou ser un mozo aplicado, pero tamén moi vándalo, gran imitador dos profesores aos que acuñaba motes que seguen perdurando no tempo.
Segunda sorpresa. Ese político de imaxe moderada e clásico vestir gardou no armario a un rocker de tupé, pantalón pitillo, zapatos boogies e corbatín. Foron os anos de Galicia Poprock Xacobeo, Los Cocodrilos, Cocodrilo Blues o Atad a los perros, grupos musicais, entre outros, aos que pertenceu. O final da carreira de Dereito e a incorporación como "pasante" relegaron á batería, o baixo ou a guitarra eléctrica; conta nesta Playlist de PontevedraViva Radio.
E chegou Paula, a súa muller; e o traslado a Pontevedra; e dous nomes femininos máis: os de Amalia e Inés, as súas fillas; e a entrada na política activa. Cando este xullo, en Pamplona, lancen o chupinazo e griten: Viva San Fermín!, Jacobo chegará a un número capicúa. Pero isto xa é futuro, e como non é home de planificar ao cento por cento, que esa banda sonora soe con boa pauta.