A pesar de que o Plan de Intervención en Auxilios e Emerxencias é a actividade máis antiga que se ofrece desde Cruz Vermella, non é de dominio público a existencia e traballo que realizan os denominados ERÍES.
Miguel Doallo, que traballa con Cruz Vermella desde hai dezaoito anos, é psicólogo dosEquipos de Resposta Inmediata en Emerxencias. Actualmente e tras a última reestruturación o ERÍE está centralizado nunha oficina autonómica que coordina a estes voluntarios, ata ese momento Miguel era xefe do ERÍE de Pontevedra.
Desde a súa posta en funcionamento en España, estes equipos foron crecendo exponecialmente, aínda que o punto de inflexión estivo na tráxica inundación do cámping de Biescas, Huesca, en 1996. Naquel suceso evidenciouse a necesidade dunha atención multidisciplinar ás vítimas de desastres. Para ser membro destes equipos requírense perfís de psicólogo, traballador social, socorrista de acompañamento, médico e DUE.
O protocolo de emerxencia é activado polo 112 e en función das necesidades do suceso en cuestión móvese xeograficamente en poucas horas aos voluntarios. No caso do equipo de Pontevedra, estiveron, como exemplos, colaborando e prestando a súa axuda tras o terremoto de Lorca, no accidente ferroviario de Angrois, na catástrofe do Prestige, no suceso da praia do Orzán de 2012 e o máis recente, nos incendios do pasado outubro en Ponteareas, Salvaterra e As Neves.
Resulta bastante habitual ademais, neste caso de Galicia, que sexan requiridos por pequenos naufraxios "a poboación mariñeira conforma un grupo moi unido e cando se produce un contratempo así ven afectadas moitas persoas, por iso é frecuente que reclamen a nosa presenza" apunta no Cara a cara de PontevedraViva Radio.
"Nós ofrecemos a nosa axuda e a nosa presenza. No momento en que as persoas nos necesitan aí estamos; por tanto a acollida e agradecemento que recibimos sempre é enorme", di Miguel Doallo. Engade que a súa experiencia persoal ao longo destes anos lévalle a concluír que o pobo español é "moi solidario, as persoas envórcanse en situacións de emerxencia e ofrecen o que faga falta".