Galego da quinta provincia, como di Alejandro Ruetter, é un pensionista concienciado e mobilizado. Membro activo de Modepen, o Movemento Galego pola Defensa das Pensións, "sobrevive" cunha pensión non contributiva de 369,90 euros. Unha "bolsa social" como ironiza no Cara a cara.
Rexeita radicalmente que sexan un movemento condicionado por algunha directriz política do mesmo xeito que a máxima de que o sistema de pensións estea en perigo, máis ben, engade "as pensións son un máis dos servizos públicos que hai intención de convertelos en negocio".
Afirma en PontevedraViva Radio que tampouco as urnas, un cambio de voto nas urnas, será a solución xa que a banca, insiste, é quen está conducindo aos gobernos.
Falando desta xeración que se botou ás rúas, sentenza: "formo parte dunha mocidade que espertou ao mundo e isto dános unha nova oportunidade. Saír os vellos á rúa non é un sacrificio, é un privilexio". Eles, os maiores, foron o ariete que iniciou estas multitudinarias manifestacións e ás que se foron sumando xeracións posteriores porque "o problema das pensións non é noso, é das xeracións próximas".