Tres décadas cumpre neste 2018 o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas; o terceiro en constituírse dos cinco existentes en Galicia. Naquel primeiro momento unha muller estivo á fronte da entidade, Marisol Bueno Berrio- Ategortúa e con ela charlamos en PontevedraViva Radio. A vinculación coa viticultura foi inicialmente por unha procura de lecer, comezados os 80 e acabou sendo a súa profesión.
Eran contadas as adegas que entón se dedicaban ao cultivo de uva albariña e co apoio da Xunta e "as ideas claras", como di Marisol Bueno no Cara a cara, conseguiuse a día de hoxe que sexa a Denominación con maior produción de viño en Galicia. Para comezar houbo que facer un rexistro das viñas plantadas, controis de uva e a disposición das adegas a que se realizasen. A zona tiña que demostrar que existía a vontade de crear unha Denominación de Orixe.
En resumo: convencer a todas as partes vinculadas ao sector e profesionalizalas. O nome de Rías Baixas elixiuse porque se entendía que englobaba unha extensión turística con moito potencial, tanto como o viño que producía. Co tempo constituíuse unha Ruta do Viño, pioneira naquel momento; o gérmen do enoturismo actual. E algo fundamental, o viño de Rías Baixas coñeceuse e comezouse a consumir no exterior.
Preguntamos a esta adegueira tamén por unha reivindicación que expuxeron algúns concellos do Salnés: reubicar a actual sede do Consello Regulador, sita en Pontevedra, no Pazo de Mugartegui. E dadas as datas, tampouco podería faltar unha pregunta sobre a colleita de Rías Baixas neste 2018.