Pacientes, especialistas e centros médicos, todos eles usuarios da web Doctoralia, deron por segundo ano consecutivo a un pediatra pontevedrés o seu recoñecemento. Os denominados 'Doctoralia Awards' recoñecen o traballo dos profesionais subscritos á web nas súas respectivas especialidades e de acordo á calidade das respostas que os facultativos achegan na devandita web.
Alfonso Amado Puentes é un facultativo, especializado en Neuropediatría, que traballa na Clínica Amado. Este recoñecemento interprétao no sentido de que 'estamos a ir no bo camiño e estanos poñendo no camiño adecuado'. A súa fórmula poderíase dicir que pasa, por unha banda, por romper os estereotipos clásicos dunha consulta médica. E por outra facer uso das ferrementas que posibilitan as novas tecnoloxías para facilitar as consultas e asistencias pediátricas.
Como explica Alfonso Amado no Cara a cara, buscaron reformular unha consulta de pediatría. "Desde que os pais deciden pedir unha consulta, buscan na internet un pediatra, queren ver a súa fiabilidade; como e cando piden a súa cita; como os imos a recibir na clínica, que datos necesitamos saber antes de ver ao paciente; se o neno vai estar cómodo na clínica, como van saír da consulta, que seguimento imos realizar tras unha cita..."
Dous pequenos exemplos desa forma de concibir a atención pediátrica é que non usan bata médica para evitar o rexeitamento que no menor adoita producir esa peza e que pode dificultar un óptimo recoñecemento. Ou tamén habilitar unha contorna adecuada para que o neno estea entretido mentres médico e proxenitores conversan e o primeiro non interfira.
Cóntanos en PontevedraViva Radio como, quen puido ser avogado ou xornalista, finalmente decantouse pola Medicina e finalmente pola Neuroloxía Infantil. E avanza Amado, como membro da Sociedade Europea de Pediatría Neurolóxica e está ao tanto dos avances desta especialidade: "o cerebro é o órgano gran descoñecido que nos últimos dez, vinte anos avanzou unha barbaridade. Os que estamos metidos niso vemos o futuro con moita ilusión porque vemos que é un campo que vai dar moitas alegrías".