A mediados deste maio 'Gerardo', o trasgo dos Xardíns de Marescot, será presentado publicamente. Mentres tanto, o seu tallista, Santiago Castro Soage, segue terminando de esculpir e complementalo. Este marinense, fillo e neto de carpinteiros, recibiu o encargo de dar unha segunda vida ao cedro a instancias do Concello de Pontevedra.
Conta en PontevedraViva Radio como se foi transformando o tocón - parte da árbore que queda plantada na terra unha vez que foi cortado -, no trasgo que imaxinara e deseñara. Un trasgo de xardín que non se esquecerá da Facultade de Belas Artes que ten á beira e polo que se apoia nun pincel duns catro metros de altura.
Foi a comezos de abril cando Santiago empezou a tallar, desde logo a meteoroloxía non lle foi grata nestas pasadas semanas; pero a pesar diso, non interrompeu a súa creación. En Pontevedra será a primeira escultura que luza e espera que non sexa a última. En Marín, xa hai varias que levan o seu sinal ademais do nome dalgunha persoa que estivo na súa vida. Faino como recordo e homenaxe tras falecer.
Traballos como este, son cos que máis goza no exercicio da súa profesión, como di no Cara a cara. Esta carpintería 'con alma' non é tan rendible nin prolífica como para sosterse economicamente dela. Por iso, desde o seu taller, tamén dedica tempo a mesteres menos artísticos.