O educador canino de Podcans, Diego Álvarez fala nesta ocasión da habituación ou a desensibilización dun can. A diferenza entre un termo e outro radica en que no primeiro caso non hai unha resposta ansiosa do animal e no segundo si se produce. Para ilustrar estas máximas na educación das mascotas, achega exemplos claros. No caso dun can que naza e creza nunha contorna rural rodeada doutros animais, estará habituado á presenza destes últimos, pero non así a grupos moi numerosos de persoas ou de vehículos.
Seguindo con ese suposto, para facer unha desensibilización, haberá que expoñelo de forma gradual en cantidade, distancia e intensidade a eses estímulos - moitas persoas e vehículos - e atendendo aos sinais de ansiedade ou de tensión que poida mostrar o can. As situacións de habituación ou desensibilización poden ser múltiples. Algunhas frecuentes poden ser que os animais sentan atemorizados ante fogos artificiais, foguetes ou tormentas. Diego Álvarez recomenda igualmente como proceder en situacións dese tipo.
Neste programa de PontevedraViva Radio respóndese ademais a unha dúbida exposta a través do correo electrónico podcans@gmail.com e que refire ao uso de arnés, colar ou correa. Sen esquecer as seccións habituais, o protagonista que ilustra Podcans é Bieito, un gato que se atopou en Lérez e require acollida ou adopción. Ten catro anos, sociabiliza ben con outros animais aínda que non tanto coas persoas. As persoas interesadas poden remitirse a Difusión Felina.