Mekánica Rolling Band non é unha charanga ao uso. Teñen a súa propia idiosincrasia que comeza, transcorre e termina no bo rolo. No estudo de PontevedraViva Radio contamos con Aitor García, o teclista e cantante, ademais de ser o pontevedrés do grupo; e con Adrián Trillo, o saxofonista e oriúndo de Negreira. Hai que engadir ao batería, Nolo Chazo; a Pepe - así, sen apelido -, baixo eléctrico; Martín Chelo, o trombón; José Hermo, á guitarra eléctrica; Raúl Andrade, trompeta; o saxo tenor Daniel Bieito e Ricardo Calvo, o técnico, entre outros labores.
Feitas as presentacións, " imos aos contos". A Mekánica comezou en 2003, con percusión, vento e metal. A día de hoxe e desde fai catro anos xogan noutra división con novos integrantes, instrumentos, amplificados, sonoriddad, formato e un repertorio diferente. Repertorio ao que "dan unha volta" e fan propio co aderezo Mekánika Rolling Band. Mekánika, que non Metallica, aínda que isto tamén ten "o seu conto".
Inicialmente chamábanlles para "verbenas, alboradas ou vermús e agora estamos máis en festas dentro e fóra de Galicia". E dentro e fóra de España. E dentro e fóra dos talent shows televisivos; porque en 2018 tiveron o seu percorrido enGot Talent. Algo que xurdiu "así sen querelo, chamados pola produtora do programa".
Teñen ademais un dicionario propio. Sen publicar, iso si. Durante A Playlist coñecemos o significado de: "se nos resfriou un pouco", empezar a "enredar", "estou no columpio", "pecar", "levantar bombonas", "xogar ás tumbas", "mantecar", "ir aos contos", pero quedamos sen coñecer as "palabras prohibidas".