"Os conflitos non son negativos, non son malos, son inevitables, ineludibles e connaturales ás relacións humanas. A violencia é intolerable en todas as súas formas. E a violencia é a consecuencia dun conflito non recoñecido, non afrontado e non resolvido positivamente. Os conflitos foron e son panca de cambio", di o invitado a este Cara a cara.
Engade, "non me gusta nada a palabra tolerancia; ten unha carga paternalista e de soportar. Eu vou máis lonxe: defendo a intolerancia a actos, actitudes e comportamentos que son intolerables, como son as actitudes extorsionadoras, acosadoras". Tampouco cre no castigo, "e creo moito menos no non castigo".
Por se non provocaron o sufiente estas palabras. No seu ideario está: educar para a paz e para o conflito significa educar para a desobediencia: "ensinóusenos que a obediencia é unha virtude e eu replico cunha frase do italiano Lorenzo Milani quen dicía que é a máis sutil das tentacións. A obediencia non pode ser eximente da túa responsabilidade". Unha formulación que se pode aplicar a un feito tan frecuente como o bulling.
Quen nos acompaña en PontevedraViva Radio e afirma todo isto? Francisco Cascón Soriano; profesor en formación ocupacional, membro da Unesco, colaborador en másteres de varias universidades en relación á cultura da paz e que toma parte en procesos de resolución de conflitos bélicos en países latinoamericanos; así como en centros educativos para resolución de conflitos de convivencia, algúns de notable repercusión mediática.