Este nadal será diferente e facendo caso ás recomendacións de limitar as reunións haberá quen se atope na tesitura de poñerse aos fogóns nesas próximas datas por primeira vez. Así que chamamos a un profesional da cociña para que faga unhas recomendacións, Ricardo Fernández Guerra é profesor de Cociña e Pastelería no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra.
Como prólogo, lembra que cociñar tamén é un acto social polo que serán outros momentos idóneos que compartir entre os membros da familia, tanto durante a elaboración en si, como montar a mesa e crear o ambiente adecuado para estas ocasións.
Primeiro, recomenda, pensar que se quere facer e anotar para saber que produtos hai que comprar. Neste punto, Ricardo remite aos Mercados de Abastos, onde ademais "vannos a aconsellar do produto que máis nos convén". A ter en conta, ser conscientes das posibilidades de cada caso e como máxima xeral non complicarse con elaboracións que non poderían terminar ben. Menos é máis. O sinxelo tamén ten excelentes resultados.
Neste Cara a cara tráenos ademais algunhas propostas concretas de sinxela elaboración. Propostas que comezan cuns entrantes, seguen con pratos de culler e complétanse cunha carne ou un peixe. No podcast ademais explica a súa elaboración para que quen se anime poidan realizalos de forma máis sinxela.
Ademais sendo conscientes de que hai persoas que tamén traballan nesas datas, Ricardo lembra en PontevedraViva Radiooutros recursos aos que se pode recorrer, como pode ser a hostalería local, que tamén é unha opción, realizando un pedido para levar a casa e gozar desas comidas e ceas sen cargarse con máis compromisos.