Jesús Arenas Busto é doutor en Bioloxía e especialista en bioloxía molecular pola Universidade de Santiago. Este vilagarcián emigrou en 2006 a Holanda, primeiro cunha estancia postdoutoral no Instituto de Vacinas dos Países Baixos, seguidamente como investigador e profesor na Universidade de Utrecht e os dous últimos anos na Universidade de Wageningen.
En 2019 cumpre o seu desexo de regresar a España. A oportunidade xurdiu na Universidade de Zaragoza, onde traballa actualmente. "O ano pasado foi un ano moi produtivo" e refírese a satisfactorios resultados que deu o labor que "viñamos facendo desde 2012", o cal evidencia, precisamente neste contexto pandémico, que a investigación científica non alcanza os seus obxectivos en meses.
O seu currículo é abafador. Como exemplos, sinalar que as súas investigacións - motivo de múltiples publicacións científicas -, levaron a facilitar novos tratamentos en humanos contra a meninxite ou a gonorrea; descubir os xenes que orixinan a meninxite no gando porcino e que o seu nome está vinculado á consecunción da patente dunha nova vacina contra a tosferina.
Actualmente está a traballar nun "amplo abanico" de proxectos segundo avanza en PontevedraViva Radio, uns de ámbito europeo e tamén algún coa Universidade de Vigo. Todo ese inxente traballo investigador pode conlevar importantes resultados tanto para a poboación humana como animal.
"A emigración é dura, vivino en primeira persoa, pero é unha fonte de riqueza profesional e persoal; de aprender como se fan noutros lugares as cousas" explica nesta edición de 'Ponte en el mapa' e polo que recomenda aos mozos que proben a vivir esa experiencia.