Ten 21 anos, habiliidades innatas para o debuxo e estuda Empresariais. En 2020, durante o confinamento, Pablo Ozores sentiu a imperiosa necesidade de escoitar á súa creatividade e plasmala. E xurdiu Ozo, o alter ego artista cos pinceis, os rotuladores e os sprays. Un dispendio de cor, do seu imaxinario infantil a través da animación, da súa revisión de cidades icónicas ou dos anos 60.
Instagram foi o escaparate a través do que comezou a exhibir a súa destreza artística. Aos debuxos, os cadros, engadiu o téxtil. Camisetas, suadoiros, bolsos, máscaras, pasaron polo filtro da súa imaxinación e o primeiro sorprendido foi el; foron os dous, Pablo e Ozo: "se a xente estaba a dicirme que lles gustaba, a miña forma de ofrecerllo era esa, poñelos á venda para que tivesen os seus", lembra no podcast 'Cara a cara'.
E así, animado polos comentarios da súa contorna entrou en acción o estudante empresarial. Creou a súa propia web para emprender e tamén a súa marca: Ozo Supply. Rendibilidade e creatividade discorren paralelas no seu proxecto, aínda que di en PontevedraViva Radio que é "o estudante de empresariais o que sempre está aí, no sentido de que o artista ás veces esquece que se debe ao seu público e que estea disposto a consumir o que fai".
Ambición, inconformismo, paixón, son motivacións que acompañan a este mozo do Grove. A comezos de verán prevé sacar á venda un par de pezas máis. Ozo e Pablo seguen crecendo, o artista e o emprendedor, sen perder o entusiasmo por seguir facendo aquilo que lle apetece facer, porque o erro sería non tentalo, sexa á idade que sexa.