Perfecto Rodríguez contra as fosas sépticas
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, abriu unha cruzada contra as foxas sépticas e os pozos negros. Pide a todos os veciños do municipio que se conecten á rede de sumidoiros sempre que teñan dispoñible nos seus vivindas o servizo de saneamento.
Dende o Concello estase a notificar a obriga de conectarse á rede de sumidoiros aos propietarios das vivendas de varios núcleos de poboación do municipio, ao detectar que dispoñendo de rede municipal de saneamento, aínda non se conectaron a este.
O Concello de ponte Caldelas recorda que as augas residuais fecais deberán estar conectadas á rede xeral de saneamento municipal cando exista ou no seu defecto, por imposibilidade técnica, depuraranse en foxa séptica coas características esixidas na normativa de salubridade, garantindo en calquera caso a non contaminación do medio e do subsolo, prohibíndose as filtracións ou verteduras.
Engaden que os pozos negros non reúnen as condicións ambientais acordes á normativa vixente, estando permitidos só excepcionalmente naqueles casos e lugares onde non existe rede municipal de saneamento.
Ademais a propia ordenanza municipal establece que "os servizos de evacuación de excretores, augas pluviais, negras e residuais, e a súa depuración teñen carácter obrigatorio para todos os inmobles do municipio que teñan fachada a rúas, prazas ou vías públicas en que exista rede de saneamento, sempre que a distancia entre a rede e o inmoble non exceda de cen metros, percibirase a taxa aínda cando os interesados non procedan a efectuar a acometida á rede".
Por tal motivo, o Concello informou que as vivendas nesa situación, deberán proceder á conexión á rede municipal antes do 15 de decembro, para o cal deberán solicitar a correspondente alta nas oficinas municipais do Concello.
De non o facer, poderían estar a cometer unha infracción ambiental que podería derivar nun expediente sancionador dacordo coa lexislación ambiental. Non obstante, de necesitar un prazo maior deberán presentar unha solicitude ao Concello expoñendo os motivos e fixar un novo prazo.