O ancián de Chancelas morreu por golpes cun bastón e unha pedra tras sorprender os seus ladróns
Por Natalia Puga
Secundino P.A., o home de 85 anos que na madrugada do domingo ao luns apareceu morto no exterior da súa casa de Chancelas, en Poio, puido falecer dos golpes que dúas persoas lle propinaron co seu propio bastón e cunha pedra cando regresaba á súa vivenda tras estar na discoteca La Luna.
Esta é a principal hipótese que manexan os investigadores unha vez estudado o escenario do crime e solicitadas todas as probas posibles do cadáver do ancián. A investigación asumiuna a Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, pero non quixo detallar datos do sucedido.
O xuíz de garda decretou o levantamento do cadáver e os forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) xa lle practicaron a autopsia, pero, ata o momento, transcenderon escasos datos do resultado desta. Si que os investigadores barallan que o crime se tería perpetrado usando unha pedra e un bastón que se localizou ao lado do cadáver. O bastón é o que utilizaba habitualmente Secundino P.A. para moverse.
Os investigadores sospeitan que o crime puideron cometelo dúas persoas, ás que viron fuxir do lugar
Fontes da Garda Civil indicaron que o cadáver foi localizado sobre as 00.30 horas da madrugada pola Garda Civil tirado no chan do exterior da vivenda, entre o galpón e a entrada da casa. Outras fontes consultadas sinalan que o home presentaba un corte na cara, un forte golpe na cabeza supostamente realizado coa citada pedra e golpes violentos co bastón.
O home tería sorprendido os ladróns, que supostamente son dous, cando regresaba á súa casa de La Luna. O home acudía cada domingo a esta discoteca e os ladróns poderían telo sabido, de aí que aproveitasen a súa ausencia para intentar roubar na vivenda. Pero non contaron con dous imprevistos. O primeiro é que o falecido regresou ese día antes do habitual e sorprendeunos. O segundo é que a vivenda non estaba baleira como adoitaba pasar, pois ata hai pouco tempo Secundino P.A. vivía só.
No momento no que os ladróns intentaron entrar na casa para roubar había no interior dúas mulleres. Unha é unha rapaza que adoitaba realizar tarefas de limpeza do fogar para o falecido e que dende hai unhas semanas chegara a un acordo con el para durmir na vivenda, aínda que non como interna. A segunda era unha amiga desta que xusto esa noite decidiu acompañala e pasar a noite alí.
No momento do asalto e crime había na casa dúas mulleres, a traballadora do fogar e unha amiga
As dúas mulleres foron as que alertaron a Garda Civil de que alguén estaba a cometer un roubo na vivenda, pero non do crime do propietario, pois, segundo relataron os investigadores, o descoñecían. Estaban dentro da casa cando sentiron ruídos e que alguén rompía a porta para entrar.
Segundo relataron posteriormente, sabían que nesa vivenda se rexistraron dous episodios de roubo nos últimos meses (nun o propio falecido rematou no hospital e foron detidas tres persoas e dous ingresaron en prisión). Dados os antecedentes, teméronse que alguén estaría a intentar roubar, de modo que empezaron a berrar para espantar aos ladróns. Para iso, simularon unha chamada á Policía.
A continuación sentiron un forte golpe e viron como se afastaban dúas persoas e nese momento si chamaron a Garda Civil. Alertaron dun roubo, pero os axentes que se desprazaron á casa para comprobar o sucedido encontráronse con que o corpo sen vida do propietario estaba tirado no acceso. As mulleres non lles alertaran do crime porque nese momento o descoñecían, decatáronse polos propios gardas.
A hipótese policial é que os ladróns intentaban entrar na casa (chegaron a forzar a entrada) cando Secundino P.A. sorprendeulles, supostamente matárono e fuxiron ao constatar que na casa habia alguén. Ata o momento, a Garda Civil non detivo a ninguén polo brutal crime.
Relacionadas:
-
As acusadas polo crime do ancián de Chancelas, ante o tribunal dous anos despois
Por Natalia Puga |
-
Enfado nos xuíces ante a "extremada imprudencia" do Subdelegado ao informar sobre o crime de Chancelas
Por Alejandro Espiño |
-
Deteñen tres persoas polo crime de Chancelas, unha delas herdeira universal do falecido
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Investigan a morte violenta dun home en Chancelas
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A Garda Civil detivo os encapuchados que asaltaron un ancián nunha casa de Chancelas
Por Redacción |