Dan por desartellada unha banda que traficaba MDMA, cocaína, heroína e haxix do Salnés a toda Galicia
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A segunda fase da operación Zeus permitiu dar por desarticulada un grupo organizado de narcotraficantes que vendía droga dende O Salnés a toda Galicia. Na última semana a Policía Nacional detivo dez persoas en Meaño, O Grove, Gondomar e Monforte de Lemos, pero o número total de arrestados no operativo elévase a 15, ao sumalo aos cinco supostos líderes da banda que caeron en decembro en Ribadumia e Vilanova de Arousa.
A operación desenvolvérona axentes do Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría de Pontevedra e o Grupo de Estupefacientes da Comisaría de Lugo, co apoio da Unidade de Prevención e Reacción (U.P.R.) de Vigo e coordinados polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo da xuíza Pilar de Lara.
Das dez persoas detidas nesta segunda fase, cinco foron postas en liberdade coa obriga de comparecer ante a Autoridade Xudicial cando para iso sexan requiridos, e os outros cinco foron postos a disposición xudicial este xoves. Deles, un ingresou en prisión e os outros catro quedaron en liberdade.
A Policía Nacional dá por desarticulada a banda e atribúelle que vendía varios tipos de substancias ilegais por distintos puntos de Galicia. Nos arrestos e rexistros realizados os axentes interviñeron unha variedade de drogas que acreditan esta diversificación no seu negocio: MDMA, cocaína, marihuana, haxix e heroína. Os policías tamén interviñeron aos detidos substancias de corte e útiles necesarios para a súa manipulación e bens por valor de máis de 120.000 euros.
A operación comezou cando os investigadores tiveron coñecemento de que un grupo de persoas asentados na comarca do Salnés estaba a abastecer de distintos estupefacientes a persoas residentes en varios puntos da xeografía galega.
Durante a investigación púidose demostrar polo menos dúas transaccións de heroína e unha de haxix a outros tantos compradores de Lugo, Vilagarcía de Arousa e Marín. Coas probas obtidas, entre os días 17 e 18 de decembro, procedeuse á detención dos cinco investigados e ao rexistro de tres domicilios, un nun chalé de Ribadumia e os outros dous en senllas choupanas do poboado de San Simón en Vilanova de Arousa.
Estes cinco detidos resultaron ser a cúpula da organización. O único dos detidos que ten antecedentes policiais é un home de 58 anos, veciño de Ribadumia, que ingresou en prisión xunto cos outros dous varóns detidos, ambos os dous de Vilanova de Arousa, de 55 e 43 anos. Tamén se detivo dúas mulleres, unha de nacionalidade brasileira de 26 anos, muller do primeiro, e outra de 42 anos, veciña de Vilanova. As dúas foron postas en liberdade con cargos.
A segunda fase do operativo realizouse esta semana, o martes 4 e o mércores 5 de febreiro. Os axentes detiveron outras dez persoas de idades comprendidas entre 22 e 52 anos que supostamente ocupaban postos de menor responsabilidade dentro do grupo.
Os dez arrestos realizáronse nove na provincia de Pontevedra e un na de Lugo, en concreto, en Meaño, O Grove, Gondomar e Monforte de Lemos e practicáronse cinco rexistros domiciliarios nos que se incautou de 480 gramos de MDMA -1920 doses-, 13 gramos de cocaína, 2.400 gramos de marihuana, 80 gramos de haxix, 400 gramos de substancia para o corte de substancias estupefacientes, oito básculas de precisión e dous envasadoras e 2.700 euros en efectivo.
Na primeira fase do operativo os axentes interviñeran os cinco líderes da banda 905 gramos de heroína, 7,5 gramos de cocaína, 250 gramos de haxix e dous quilogramos de substancia de corte. Ademais, encontráronse unha pistola real de 9 milímetros parabéllum, en perfecto estado de uso e coa súa correspondente munición, oito básculas de precisión, unha prensa hidráulica, 35 teléfonos móbiles e dous vehículos. Así mesmo, incautáronse 17.000 euros en efectivo e bloqueáronse tres contas bancarias con outros 47.000 euros.