Polo Grove en cadeira de rodas si, pero non polo paso de peóns
Por Natalia Puga
O vicepresidente de Cogami en Pontevedra, Paulo Fontán, percorre as rúas do Grove acompañado por unha veciña desta localidade, Ana Belén Fernández. Os dous van en cadeira de rodas e os dous van enumerando unha a unha as mesmas deficiencias na accesibilidade do municipio, dun casco urbano que ben podían calificar o das ramplas e os pasos de peóns impenetrables.
"Estamos lonxe de ser cidadáns normais".
Fai esta afirmación xusto despois de que os directivos da asociación local Anduriña lle trasmitan algúns dos puntos máis inaccesibles que teñen detectado. O máis recente rodea a nova oficina de Recadación municipal. Recén inaugurada, chegar a ela en cadeira de rodas é toda unha odisea.
Na rúa hai catro pasos de peóns. En tres deles repítese o mesmo erro que xa é habitual en máis zonas do Grove: os pasos de peóns teñen unha rampla nunha beirarrúa e un bordiño na de enfronte. No caso desta oficina municipal, hai que ir ata a punta contraria da rúa para poder atopar un paso accesible en cadeira de rodas, uns 100 metros, ou, senón, optar por ir pola mesma calzada pola que circulan os vehículos a motor.
Esta escena dos pasos de peóns repítese cando unha persoa en cadeira de rodas quere acudir a todas as farmacias da localidade excepto unha. Tamén para cruzar as avenidas principais do casco urbano. E para acceder a un lugar que converte O Grove en pouco accesible para os visitantes: a oficina de turismo ten unha beirarrúa con borde diante.
Na Casa Consistorial "podes entrar, pero non sin axuda"
Acudir ao centro de saúde ou á estación de autobuses si que resulta accesible e os firmes empregados na maioría das beirarrúas e rúas peatonais non entorpecen o paso das cadeiras (agás algunhas contadas en adoquíns), pero non é así de doado entrar na Casa do Concello.
"Podes entrar, pero non sen axuda", exprica Paulo Fontán. "Hai ramplas de acceso, pero ten dúas portas, a primeira non se mantén soa aberta e a segunda so ten unha folla aberta e para entrar en cadeira de rodas teñen que abrirche a outra". Nin intentar subir ao primeiro piso, non hai rampla nin ascensor.
O Paseo Marítimo é outra odisea para persoas con mobilidade reducida. O principal problema é o que se repite en moitos establecementos privados do municipio, pero co engadido de que se trata dun lugar de acceso público: as ramplas teñen demasiado inclinación. Nalgúns bares, restaurantes, tendas... estas ramplas chegan a inclinacions de máis do 30 por cento. Anduriña percorreu hai un tempo un cento de locais do municipio e "conto cos dedos das mans e aínda me sobran os que son accesibles", sinala o seu vicepresidente, Carlos Prieto.