Ponte Caldelas destinará 2.370 euros aos premios do desfile de entroido
Por Redacción
O desfile de comparsas e grupos que se celebra o martes de entroido en Ponte Caldelas cumpre xa o seu décimo primeira edición. Consolídase así como unha das citas máis importantes do Carnaval para todas as comparsas da comarca. Nesta ocasión, destinaranse un total de 2.370 euros en premios para os participantes neste concurso de disfraces, cuxo desfile terá lugar o martes 4 de marzo, a partir das 21:30 horas.
En canto aos grupos que poden participar no concurso e o desfile de entroido en Ponte Caldelas deberán estar formados por un mínimo de cinco integrantes, poderán ir acompañados de carroza e terán tamén que gardar unha unidade temática. Polo que respecta aos disfraces individuais que entren en concurso valoraráselles a súa orixinalidade e dificultade na súa elaboración así como o bo humor desenvolvido polo participante.
As comparsas terán un mínimo de 15 participantes e poderán estar acompañadas de carroza, valorándose que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais e interpretarán as súas composicións e pasarrúas de entroido. Deberán tamén gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación.
Os premios do desfile aos que se poderán optar son os de comparsas (primeiro premio de 1.000 euros, o segundo de 500 e o terceiro de 300 euros), grupos (o primeiro levarase 200 euros, o segundo 150 e o terceiro 100 euros) e en categoría individual e comparsa infantil dotados de 70 e 50 euros respectivamente nun único premio para cada un deles.
Todas aquelas persoas, grupos e comparsas que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas, cubrindo un impreso normalizado facilitado para ese efecto antes do 3 de marzo. O impreso pode ser descargado desde a páxina web www.pontecaldelas.org e deberá ser presentado no concello ou por fax (986 75 00 20).
Ademais, co obxectivo de ampliar a oferta do carnaval para os máis pequenos, este ano celebrarase tamén un festival infantil para todos os nenos que queiran acudir disfrazados o domingo 2 de marzo, a partir das cinco da tarde, na Alameda. No caso de que as condicións meteorolóxicas impidan o seu normal desenvolvemento neste lugar, a festa trasladarase ao salón de actos do Colexio Cordo Boullosa.