Un tenente da Brilat, ferido leve en Afganistán
Por Natalia Puga
Un tenente da Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) destinado na base de Figueirido resultou ferido leve este sábado durante un tiroteo entre as tropas españolas e o exército local de Afganistán.
O Ministerio de Defensa informou que tropas españolas responderon a un ataque de supostos soldados afganos na zona de Moqur. O ataque produciuse sobre as 6.45 hora española (10.15 en Afganistán) e cando a Forza española o repeleu, un dos uniformados afganos perdeu a vida e un soldado español resultou ferido leve.
Fontes da Brilat confirmaron que este ferido é un tenente da Unidade de Artillería da Brigada que non é de orixe galega, pero si está destinado na base pontevedresa.
O tenente sufriu feridas leves ao recibir un impacto de metralla nun brazo. A metralla habria rebotado nunha pedra e, de aí, ao corpo do soldado.
Foi asistido no lugar do tiroteo e, unha vez que o incidente logrou controlarse, foi evacuado ao hospital de campaña Role 2 da base española de Qala e Naw.
Recibiu asistencia no hospital Role 2 de Qala e Naw, pero xa ten o alta
As mesmas fontes confirmaron que tras recibir asistencia hospitalaria xa lle deron a alta e recupérase das feridas na base española. Sinalan que o seu estado non reviste gravidade.
O ferido integra un dos Equipos Militares de Asesoramiento (MAT) despregado en Afganistán desde principios de novembro. Trátase dun novo concepto de Forzas de Asistencia á Seguridade que busca unha maior autonomía dos soldados locais que substitúe aos Equipos Operativos de Mentorización e Enlace (OMLT) que operaban no país desde 2007.
A transformación de todos os antigos OMLT en MAT é unha das novidades da misión que acaba de encarar a Brilat en Afganistán. Unha misión cuxo mando asumirá este domingo o coronel Fernando García González-Valerio durante unha TOA (cerimonia de traspaso de autoridade) que se celebrará en Qala e Naw e na que aínda queda pendente o desprazamento a territorio afgano de 405 soldados da Brigada ao longo da próxima semana.
O ferido estaba integrado, en concreto, no MAT do posto avanzado de combate (COP) de Moqur, un equipo que xa estaba operativo na misión que asumiu durante os últimos meses a Brigada Paracaidista e que a Brilat acababa de substituír fai escasos días.