Case 500 pontevedreses alimentáronse no Nadal grazas o 'moedeiro solidario' da Rede Axuda
Por Redacción
Un total de 465 persoas, pertencentes a 127 familias pontevedresas, puideron alimentarse en Nadal grazas á campaña 'Moedeiro Solidario' posta en marcha por Rede Axuda. Así se recolle na memoria do servizo, que desvela que se atenderon as necesidades de 73 familias monoparentais con menores, maiores ou discapacitados ao seu cargo (225 persoas) e de 54 familias con todos os seus membros en situación de desemprego (240 persoas).
Segundo destaca a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, Rede Axuda "foi a canle de colaboración máis eficaz e empregada polos veciños de Pontevedra coas familias e persoas que peor o están a pasar". A través dela, sinalou, "dáse a coñecer o traballo das asociacións, onde están, quen as xestionan e que cousas concretas precisan", e colabórase coas entidades da cidade "que verdadeiramente non teñen ánimo de lucro".
Dentro da campaña Moedeiro Solidario, destinada a captar fondos para financiar os lotes de comida entregados ás familias, repartíronse paquetes de alimentos valorados entre os 50,51 euros que recibiron as 38 familias de dúas persoas e os 91,69 euros das trece familias que tiñan de cinco a sete membros. Ademais, catro familias marroquís recibiron lotes para necesidades especiais valorados en 94,82 euros cada un.
Para recadar os cartos necesarios para sufragar o custe destes lotes organizáronse unha serie de actividades como 'Este Nadal axuda coa cabeza', na que colaboraron 12 perruquerías, iniciativas deportivas impulsadas polo Complexo deportivo Rías do Sur ou o Club Natación Galaico ou un partido de fútbol organizado polo Ciudad de Pontevedra CF. Ademais, houbo entrega directa de cartos por parte de diferentes colectivos sociais e empresariais.
Ademais, a Rede Axuda seguiu sendo canle de recollida e distribución para o reparto directo de alimentos ás asociacións que a conforman. En total, este ano acadáronse máis de 2.400 quilos de comida, que foron distribuídos entre as entidades sociais da cidade. Xunto cos alimentos, hai que destacar tamén a recepción de xoguetes para familias con escasos recursos, doados a través de numerosas iniciativas de entidades privadas, asociaciones de vecinos e organismos públicos.
Por último, na memoria de Nadal da Rede Axuda sinalan que por vez primeira o Hotel Residencia Peregrina decidiu realizar unha cea de Noiteboa para aquelas persoas que non tiñan con quen pasar estas festas. Desde os servizos sociais municipal cursáronse, coa axuda as asociacións integradas na rede, 43 invitacións. A cea foi un éxito, sinalan, grazas tamén á colaboración de diferentes empresas privadas.
Relacionadas:
-
Comezan a chegar aportacións á RedeAxuda con motivo da campaña do Nadal
Por Redacción |
-
Redeaxuda porá en marcha un programa de voluntariado
Por Oskar Viéitez |
-
As mulleres están a soportar o peso da crise no municipio de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
De maior quero ser... solidario e bombeiro
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
En pantalón curto por unha boa causa
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Música en directo 'made in Pontevedra' a cambio de alimentos e xoguetes, apúntaste?
Por Alejandro Espiño |