Sanxenxo ultima os preparativos para os seus desfiles de Entroido, os próximos 2 e 9 de marzo
Por Redacción
O desfile e concurso de disfraces infantil abrirá o próximo 2 de marzo a programación do Entroido 2014 en Sanxenxo. A concellería de Cultura ultima estes días as actividades que encherán de cor as rúas do municipio durante unha semana. Estarán, sinalou a edil responsable, Paz Lago, dirixidas tanto aos veciños como aos visitantes que se acheguen ao concello durante estes días.
Este desfile infantil é "unha das actividades máis esperadas e na que cada ano os máis cativos nos demostran que xogan un papel fundamental no éxito do Entroido", sinalou Paz Lago. O luns abrirase o prazo para inscribirse no certame no que os nenos poderán lucir os seus traxes de carnaval. Sairá ás 17.00 horas da avenida Luís Rocafort para continuar polo Paseo de Silgar ata chegar ao Porto Deportivo.
Repartiranse en total 1.090 euros entre os concursantes, que deberán contar con idades inferiores aos 16 anos. Os interesados en sumarse a esta iniciativa terán de prazo ata as 14.30 horas do venres 28 para apuntarse no Pazo Emilia Pardo Bazán, a través do número de teléfono 986 727 936 ou o mesmo día da convocatoria, entre as 15.30 e as 16.30 horas, no posto situado no Club de Xubilados de Sanxenxo.
Pola súa banda, o desfile e concurso de disfraces de adultos que irá, como é habitual, desde a vila de Sanxenxo ata a de Portonovo, pechará o 9 de marzo o Entroido sanxenxino. A Administración local dedicará máis de 7.000 euros aos premios, que serán tres por cada categoría e irán desde os 75 aos 1.600 euros.
Neste caso, a comitiva partirá ás 16.30 horas da avenida Luís Rocafort de Sanxenxo. Posteriormente, o desfile continuará polo Paseo de Silgar, Punta Vicaño, a estrada xeral e a rúa Rafael Picó ata chegar ao recinto portuario onde se concentrarán os participantes.
Ao concurso poderán concorrer todos os maiores de 16 anos nas categorías individual, parella, grupo de ata oito compoñentes, de nove a 20 integrantes, de máis de 20, así como á categoría fantasía que deberá estar composta por un conxunto de máis de 20 membros. Os premios serán outorgados polo xurado en función da orixinalidade da vestimenta, o atrezo e a posta en escena durante a parada.
A inscripción tamén poderá formalizarse a partir do luns no Pazo Emilia Pardo Bazán e ata o día 8. Aquelas persoas que non se anoten previamente poderán facelo antes do comezo do desfile na mesa da organización, que estará situada na Avenida Luís Rocafort, desde as 15.00 ás 16.00 horas.