As mulleres están a soportar o peso da crise no municipio de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Un total de 2.112 familias e de 2.565 persoas acudiron o pasado ano aos Servizos Sociais do Concello de Pontevedra, o que supón un incremento dun 18% respecto ao ano anterior.
O perfil desas solicitantes é o de mulleres de 25 a 44 anos e con familias cunha media de tres membros.
A concelleira responsable de Benestar, Carme Fouces, presentou este luns a Memoria dos Servizos Sociais destacando que á luz dos datos que ofrece este informe "as mulleres están a soportar o peso da crise tanto dende o punto de vista familiar, coma social ou laboral. Son as que acoden a pedir axuda alá onde lla poden dar, son ás que velan maioritariamente polos menores e polos adultos", afirmou.
Fouces destacou que a metade dos usuarios ingresa ao mes menos da metade do salario mínimo interprofesional, de 645,30 euros, e en moitos casos é só de 105 euros.
Eses ingresos proceden dalgún subsidio de desemprego, da percepción da Renda de Inserción Social de Galicia (Risga) así como das axudas doutras entidades que forman parte da Rede Axuda.
A achega municipal a esta partida superou os 115.000 euros durante o último ano, ao aumentar nun 25% a solicitude de axudas de emerxencia.
A Memoria recolle que en 2013 se tramitaron 185 solicitudes de usuarios para percibir a Risga, das que un 43% aínda están pendentes de resolución por parte da Xunta, o que propicióu unha critica por parte da concelleira.
Neste sentido Fouces advertiu que a nova Lei de Inclusión introduce cambios na tramitación, o principal é que faculta os usuarios a tramitar as súas propias solicitudes, en detrimento do labor que hoxe en día desenvolven as traballadoras sociais do concello. A concelleira teme que este cambio provocará unha redución no número de axudas.
En canto ás axudas por dependencia, ao Memoria municipal recolle que se tramitaron 34 solicitudes de axuda, un notable descenso fronte ás 105 de ano anterior.
A responsable de Benestar Social cuantificou en 800.000 euros a cantidade que o Concello deixou de percibir da Xunta dende o 2011 para distintos programas sociais.