O Campus ofrece obradoiros de horticultura, escritura creativa e fotografía publicitaria
Por Oskar Viéitez
A posibilidade de ampliar coñecementos en campos como a a gravación de son ou a fotografía publicitaria é un dos principais alicientes que o alumnado atopa no programa de obradoiros que promove a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra. Na convocatoria deste segundo cuadrimestre combínanse propostas xa consolidadas con novidades como a horticultura, a escritura creativa para medios audiovisuais ou un taller introdutorio no mundo dos transmedia.
Estes cursos de 30 horas de duración están abertos a todas as persoas interesadas.
- Fotografía publicitaria e de moda, que Jacobo Gayo impartirá entre o 21 e o 26 de marzo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
- Son: gravación e posprodución, un curso impartido por Javier Fernández Abreu no que se traslada aos asistentes os coñecementos necesarios para poder realizar gravacións con calidade profesional.
- Expresión plástica para educación infantil e primaria, que nesta ocasión estará centrado en afondar nos novos materiais que existen no mercado, como a gomaeva, para o seu uso no terreo do ensino.
- Horticultura ecolóxica que entre o 19 de febreiro e o 7 de maio se desenvolverá na Escola de Enxeñaría Forestal e no que Consuelo Davila e Vicente Gil se encargarán de achegar ás persoas participantes os coñecementos necesarios para que poidan levar a cabo unha produción de alimentos naturais e de calidade.
- Escritura creativa para textos audiovisuais, que se desenvolverá entre o 14 e 21 de marzo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e no que o alumnado, tras recibir as nocións elementais da narración audiovisual, terá que elaborar como traballo práctico un guión cinematográfico.
- Transmedia, de Batman a Toy Story. Contar historias a través de múltiples plataformas, o obradoiro que entre o 20 de febreiro e o 8 de maio impartirá na Casa das Campás Roi Rodríguez de Bernardo.
Os seis obradoiros que nos próximos meses se desenvolverán no campus de Pontevedra teñen un prezo de matrícula de 50 euros, aos que hai que aplicar o desconto do 25% a todos os membros da comunidade universitaria.