Os bombeiros sufocan un incendio nun edificio da rúa Oliva
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
Os bombeiros de Pontevedra acudiron a primeira hora da mañá de este martes a sufocar un incendio no edificio número 27 da Rúa Oliva.
Segundo fontes da Policía Local o inmoble, en cuxo baixo se encontra o establecemento de confección Los Telares, estaba a ser reformado. Sinalaron que foron os obreiros que prenderon unha pequena cacharela para quentarse e esta propagouse por un dos pisos provocando unha gran fumareda.
Estes traballadores non quixeron aclarar as circunstancias concretas do suceso e declinaron facer calquera tipo de declaración mentres permanecían xunto aos axentes municipais á espera de redactar un informe sobre o sucedido.
A chamada aos bombeiros produciuse minutos antes das 9:00 horas. A Policía Local tivo que desviar o tráfico polas rúas estremeiras mentres se desenvolveu a intervención que obrigou a cortar a rúa ao tránsito rodado, aínda que non ao peonil.
Numerosos transeúntes seguiron o suceso baixo un intenso trebón.
COINCIDENCIA
Curiosamente hai dous anos, en marzo de 2012, ardeu o comercio situado xusto en fronte, a perfumaría "Godoy-Tito de la Peña".
Aquel suceso foi moito máis grave xa que os bombeiros tardaron case cinco horas en extinguir as chamas que calcinaron a tenda e o almacén deste establecemento.
No caso da perfumaría a orixe do lume localizouse nun curtocircuíto.