Reclaman ao Goberno que retire a reforma das pensións de xubilación
Por Oskar Viéitez
Medio centenar de persoas pensionistas e xubiladas concentráronse este martes ante as oficinas do Instituto Nacional da Seguridade Social para expresar o seu máis profundo desacordo coa decisión do Goberno de "suprimir de modo unilateral a fórmula de revalorización de pensións públicas que ata agora se aplicaba".
Nesta ocasión, como novidade, a UGT uniuse ás mobilizacións que ata agora foran coordinadas por Comisións Obreiras.
Sosteñen que o incremento aprobado polo Goberno para 2014 supoñerá unha perda adicional de poder adquisitivo de, polo menos, o 1,25% para todas as pensións sen distincións de contías, se temos en conta que o incremento foi de tan só o 0,25% e a previsión de inflación do propio Goberno é do 1,5%.
Ademais Galicia é unha das Comunidadde Autónomas máis afectadas polo recorte das pensións xa que ten a pensión media máis baixa de España.
A secretaría de Política Social de Comisións Obreiras, Mercedes Márquez, lamentou a "falta de respostas positivas" por parte do goberno que preside Mariano Rajoy "pero isto é cuestión de insistir ata conseguilo" e expresou a súa convicción de que "á medida de que se vaia incorporando máis xente ás protestas tamén nos escoitarán doutra maneira".
Tamén se suman á manifestación do día 14 en defensa da Sanidade Pública
Neste sentido recordou que a perda de poder adquisitivo dos pensionistas "afecta a todos directa ou indirectamente", xa que ademais do empobrecemento que supón a medida para quen ten unha pensión baixa, "é unha limitación grave na maioría de fogares que teñen nun xubilado a principal ou única fonte de ingresos". Pero tamén a perda de poder adquisitivo das pensións afecta ao mantemento do emprego e da actividade económica, xa que estas rendas teñen como principal destino o consumo e a demanda interna de bens e servizos.
Mercedes Márquez apuntou que a retirada da reforma das pensións de xubilación non é a única reivindicación do colectivo, tamén se suman á manifestación do día 14 en defensa da Sanidade Pública "posto que nos afecta moito".