Os 'Xenerais da Ulla' marcharán sobre Pontevedra para animar o Entroido na cidade
Por Redacción
O Entroido pontevedrés está xa á volta da esquina. Para animar á cidade a disfrazarse, Pontevedra volve celebrar a súa tradicional Mostra de entroidos de Galicia. A primeira actuación será este domingo 16 de febreiro, a partir das 12.00 horas a cargo dos Xenerais da Ulla (Merza) que farán un pasarrúas por distintas prazas e rúas da zona monumental.
Recentemente declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia, o Entroido dos Xenerais da Ulla celébrase nos concellos de Vedra, Boqueixón, Touro, Santiago, Teo, A Estrada, Silleda e Vila de Cruces. Trátase dunha festa con máis dun século de antigüidade.
Os personaxes máis relevantes desta celebración son os xenerais e os correos a cabalo que van disfrazados con vestimentas militares de época e outros adornos tamén nos animais. Acompañados de abanderar, coros e comparsas, percorren as parroquias da zona e representan diversas escenas, coñecidas como atranques ou altos. Estes atranques consisten nun enfrontamento dialéctico por parellas no que se fai burla da actualidade.
Esta mostra rematará o sábado 22 de febreiro co pasarrúas das Madamas e Galáns de Cobres.