Ríos de Cuntis, Poio e Pontevedra lavan a cara nunha xornada de limpeza simultánea en toda Galicia
Por Natalia Puga
Refugallos de todo tipo, entre os que abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos), pero non faltaron rodas, defensas, lunas e asentos de automóbiles, así como tambores de lavadoras, electrodomésticos, tellados de uralita, televisións, roupa ou calzado... Ata este domingo invadían os cauces de ríos de Cuntis, Poio e Pontevedra, pero grazas a unha xornada de limpeza simultánea da asociación ecoloxista Adega e o Proxecto Ríos xa so forman parte dunha imaxe do pasado.
"O sol brillou nunha fin de semana onde moitas e moitos foron os que pasaron o sábado e domingo mollándose polos ríos. Houbo grupos grandes e pequenos, grupos de nenos e nenas e de maiores, grupos en grandes ríos, e grupos en pequenos regatos. Pero todas e todos tiñan o mesmo obxectivo", relatan os organizadores. Fan referencia ás máis de 500 persoas voluntarias que durante a fin de semana se sumaron á iniciativa. En Pontevedra e os seus arredores organizouse na capital, en Poio e en Cuntis, pero afectou a ríos de toda Galicia.
Algúns dos grupos deste zafarrancho de limpeza fluvial adicaron parte da xornada a eliminar flora exótica invasora que medraba nas beiras do río. Unidos aos refugallos extraídos, suman unhas dez toneladas en todos os ríos afectados, mais dende a organización resaltan que o que menos importancia ten para eles é a cantidade de residuos, senón a concienciación ambiental que supoño para os integrantes das máis de 50 entidades implicadas e para os voluntarios ambientais que a seguiron.
Así, recordan que "o voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta".
"O triste é que sempre hai lixo que sacar", denuncian os organizadores
Todo isto e de seguro moito máis (os refugallos e as especies invasoras) está no fondo e nas beiras dos ríos galegos. Por iso esta xornada de limpeza simultánea chegou xa á súa quinta edición. Este ano aumentou o número de participantes, algo que, a xuizo de Adega e o Proxecto Ríos, "nos fai ver que cada día hai máis xente concienciada, con ganas de axudar e mudar as cousas".
"A nota positiva son os grupos que comezaron esta actividade fai cinco anos e observan que no mesmo treito cada vez hai menos lixo. Isto é indicativo que cando achegamos a xente concienciada aos ríos é máis doado conservar o espazo", aplauden. De todas maneiras, tamén poñen os pes na terra, pois "o triste é que sempre hai lixo que sacar".