Jacobo Moreira únese ás peticións da ANPA do Álvarez Limeses para a limpeza do comedor
Por Redacción
Jacobo Moreira asegura estar "moi farto" de dar a cara ante a comunidade educativa do Álvarez Limeses ante a "absoluta despreocupación" do goberno municipal con este centro escolar. Di o voceiro do PP que a situación do seu comedor supón unha "nova mostra da condescendencia" con que se tramita a adxudicación e renovación de servizos "a grandes corporacións empresariais".
Nun comunicado, Moreira explica que cando a empresa Cespa se fixo co servizo de recollida de lixo e limpeza en Pontevedra non existían os comedores escolares, "polo que esas instalacións sempre estiveron á marxe da concesión". Sen embargo, denuncia que cando en 2011 rematou o contrato e se lle concedeu unha prórroga, "mantívose a situación, ampliando ás obrigas da empresa coa habilitación dun punto limpo pero sen incluír a limpeza dos comedores".
Para evitar un problema sanitario, recorda o voceiro popular, son as propias traballadoras dos comedores as que están facendo a limpeza, e a propia Federación considera que tería que ser responsabilidade de Cespa, pois esta compañía é a encargada da limpeza dos centros educativos. No Álvarez Limeses hai ademais notables queixas polas deficiencias no servizo, un asunto que "xorde constantemente" nas reunións do Consello Escolar.
Nese Consello o representante municipal é o propio Jacobo Moreira. De aí que insista na "despreocupación" do goberno con este colexio. Neste sentido lembra que desde hai oito meses está a esperar unha resposta á solicitude da ANPA para obter a cesión dun edificio municipal situado no recinto escolar e que está en estado de abandono, co obxectivo de rehabilitalo e dedicalo a actividades pedagóxicas.
Moreira levou este asunto ante o pleno do Concello en xuño do ano pasado a través dunha pregunta oral dirixida a Lores que, aínda que asegurou coñecer o tema, puntualizou tamén que se estaban comprobando cuestións de tipo administrativo por parte de Patrimonio, para acto seguido matizar que cando tivera perfectamente definida a situación, informaría puntualmente por escrito. Unha resposta que, segundo o PP, aínda non chegou.