As entidades financeiras deben 4 millóns de euros por non pagamento dos seus pisos en Galicia
Por Oskar Viéitez
A Confederación de Cámaras da Propiedade Urbana e Asociacións de Propietarios de Fincas Urbanas de España identificou á morosidade da banca coas comunidades de propietarios como un dos principais problemas cos que se encontran na súa xestión.
Nunha rolda de prensa celebrada este xoves en Pontevedra, o presidente desta Confederación de Cámaras, Ángel Merino Berthaud, referiuse a esta falta de pagamento das cotas, tanto ordinarias coma extraordinarias, de inmobles, especialmente vivendas e locais, por parte das entidades financeiras. Unha circunstancia que se prolonga durante meses e mesmo anos.
Segundo afirmou Benito Castro Estévez, Presidente da Asociación de Propietarios de Inmobles da Provincia de Pontevedra, as entidades financeiras, nestes momentos, "están adoptando posturas de dejarse ir y no atender a las obligaciones del pago de los recibos de las comunidades de propietarios". Segundo este voceiro, o último dato dispoñible, de xuño de 2013, apunta que as débedas adquiridas en Galicia polos bancos coas comunidades de propietarios ascendían a catro millóns de euros.
Merino Berthaud sinala que o problema remata no momento no que a vivenda se transmite, "con la venta la entidad tiene que ponerse al día con las comunidades, ya que debe acompañar un certificado con el pago de los recibos de los dos últimos años".
A Confederación de Cámaras da Propiedade Urbana cualificou de "auténtica vergüenza" esta actitude dos bancos
Mentres tanto xéranse grandes problemas económicos para os veciños dos inmobles que sofren o incremento das súas cotas comunitarias asumindo o non pagamento do resto de vivendas e locais. Se non se pode asumir este sobrecoste isto "deriva en un deterioro del edificio con la eliminación o suspensión de elementos comunes como la calefacción, ascensor o la limpieza del edificio".
O presidente da Confederación de Cámaras da Propiedade Urbana cualificou de "auténtica vergüenza" esta actitude dos bancos, que sinalou como un problema xeneralizado en toda España.
"Es intolerable que un banco deba cuotas a las comunidades de vecinos", criticou, "todos sabemos lo que están haciendo las entidades bancarias con las ejecuciones hipotecarias. Ellas son las primeras en exigir el cumplimiento de sus obligaciones a todos los ciudadanos y sin embargo son las primeras que incumplen".
Ángel Merino achaca esta actitude dos bancos a unha cuestión de financiamento, debido ás dificultades que teñen para facer fronte á xestión destes activos, que provoca que non estean a cumprir puntualmente coas súas obrigas económicas coas comunidades de propietarios. O presidente da Confederación sinala que son habituais as condenas aos bancos por morosidade polo que animou os afectados a que acudan aos tribunais de xustiza.
A Confederación de Cámaras da Propiedade Urbana e Asociacións de Propietarios de Predios de España celebra estes días en Pontevedra a súa Xunta Xeral e a toma de posesión da nova directiva. Ademais dos actos de xestión interna os participantes nesta reunión aproveitaron para visitar as Rías Baixas e foron recibidos polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.