Detidos tres buenenses por trapicheo de droga
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo tres veciños de Bueu de 24, 37 e 38 anos, como presuntos autores de delitos de tráfico de drogas a pequena escala, imputándolles por iso delitos contra a saúde pública.
Segundo informaron dende o Instituto Armado, as detencións producíronse no marco de actuacións para a erradicación do tráfico de estupefacientes a pequena escala.
O primeiro arresto tivo lugar o pasado día 11, cando un dos detidos, que responde ás siglas de O.C.F., foi sorprendido no momento en que procedía a vender heroína ao condutor dun vehículo estacionado na vía pública. Ademais, durante o rexistro do seu domicilio incautáronselle 14 doses de heroína así como útiles para a preparación das doses para a súa venda (unha báscula de precisión, tesoiras, coitelo e plástico).
Os outros dous individuos, M.A.S. e J.M.AR, foron detidos o pasado mércores 12, a raíz das investigacións para a erradicación dun punto de venda a pequena escala que surtía toxicómanos de Cangas, Bueu e Moaña. Estas dúas persoas dedicábanse á venda de cocaína e, no momento da súa detención, incautáronselles oito doses preparadas para a súa venda.
Os detidos, que contan con antecedentes exceptuando a J.M.AR., quedaron en liberdade coa obriga de presentarse nos xulgados de Instrución de Cangas cando sexan requiridos.