Como en London City pero no centro de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Dous pisos da céntrica rúa Benito Corbal conforman a bautizada como "Casa inglesa".
Trátase da nova aposta do campus de Pontevedra que ofrece aos universitarios "a oportunidade de alugar cuartos independentes que serán compartidos con estudantes estranxeiros para aprender e practicar inglés", explica Antonia Blanco, vicerrectora do campus.
Este proxecto innovador tomado doutras universidades, ademais de achegar unha formación completa nun idioma estranxeiro, "axuda ao noso alumnado na procura dunha vivenda digna e a un prezo económico", engade.
A pesar do pouco tempo que leva en marcha, os veciños xa se afixeron ao "Good morning" diario destes afables mozos de fala anglosaxona.
Ao ser o primeiro ano, só se dispuxeron de doce prazas "dado que é un proxecto piloto, pero esperamos que teña boa acollida para poder amplialo en anos posteriores", apunta a vicerrectora.
Cada alumno abona un aluguer que rolda como máximo os 190 euros con custos de auga, luz, calefacción e internet incluídos e "deberá falar sempre en inglés, para o que está supervisado as 24 horas do día", sinala Antonia Blanco que fai especial fincapé na necesidade de que se perfeccione o nivel de idiomas "xa que próximamente será imprescindible para acceder aos futuros maestrazgos".
As conversacións en inglés refórzanse con clases académicas impartidas polo Centro de Linguas da Universidade, con profesores que se desprazan á Casa Inglesa dúas veces á semana para preparar ao alumno que así o desexe para os exames oficiais que acrediten o seu coñecemento do idioma nun determinado nivel.
Previamente a Oficina de Relacións Internacionais da Universidade, encargouse de seleccionar ás persoas nativas que conviven cos nosos estudantes "para eles si que é gratis a vivenda".
Carlos Tilve, alumno de primeiro curso do Grao en Ciencias da Educación e do Deporte, mudouse este curso á Casa Inglesa "convenceume a intensidade da proposta porque para falar outro idioma cómpre ter soltura, fluidez e un bo nivel de comprensión e só se consigue practicando", comenta Tilve que ten o obxectivo de aprobar os exames oficiais da Escola de Idiomas con esta formación complementaria.
Carlos Tilve xa goza da compaña de Heather Munnely, que recén chegada de Estados Unidos encárgase de que as conversas flúan entre os compañeiros de piso.
"Gradueime en maio e quero aproveitar para vivir novas experiencias", declara Munnely que decidiu quedarse en España para mellorar as súas nocións de castelán. Cre que a Casa Inglesa é unha excelente oportunidade para aprender un idioma de xeito intensivo "grazas a ese contacto próximo e íntimo entre persoas de diferentes países".