Detido un ladrón reincidente tras unha persecución en coche entre Bueu e o centro de Pontevedra
Por Natalia Puga
Un home de 46 anos cun amplo historial delituoso foi detido este luns tras unha espectacular persecución en coche que empezou en Bueu e rematou por varias rúas do centro de Pontevedra. Finalmente foi acantoado por patrullas da Garda Civil e as policías Local e Nacional na zona de Beiramar, na para de autobuses situada no ámbito da ponte do Burgo.
Ao arrestado atribúenselle delitos de tráfico e, polo menos, dous roubos, un no interior dun coche en Bueu e outro dun turismo que supostamente subtraeu en Lalín e co que se fuxiu. A.G.H. é un vello coñecido das forzas de seguridade que conta con antecedentes por 90 delitos. A súa detención deste luns foi a número 25.
Os feitos comezaron arredor das 16.30 horas en Bueu. O agora detido supostamente cometeu un roubo no interior dun vehículo e, a continuación, fuxiu en coche. Unha persoa que presenciou os feitos alertou a Garda Civil de que vira como o home baixaba do seu propio turismo, fracturaba a ventá dun coche e roubaba un bolso.
A Garda Civil estableceu un dispositivo para localizalo e comprobou que o home, de orixe madrileña, fuxía en dirección a Pontevedra a bordo dun turismo Fiat Punto que fora roubado de madrugada en Lalín (e cuxo roubo foi denunciado pola mañá).
Varias patrullas de Tráfico e o Grupo Rural de Seguridade (GRS) da Garda Civil perseguírono ao tempo que se mobilizaba ao resto de Forzas de Seguridade da zona. Tras entrar na cidade pola zona da avenida de Vigo e Fernández Ladreda, uníronse ao operativo de persecución as policías Local e Nacional.
Dúas patrullas da Policía Local déronlle alcance e, nun momento dado, lograron acantoar o turismo á altura da parada de autobuses do ámbito do Burgo. Pouco despois chegaron o resto dos coches patrulla da Garda Civil e a Policía Nacional que lle perseguían e axentes municipais procederon á súa detención. Un coche patrulla municipal resultou danado na intervención.
Unha vez levantado atestado do incidente, o home foi trasladado á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, onde está previsto que permaneza ata que sexa posto a disposición xudicial. As investigacións inclúen datos da Policía Local, pero instrúeas a Garda Civil.