A metade do equipo da Garda Civil do Mar de Marín coincide de baixa laboral
Por Natalia Puga
Case a metade dos axentes adscritos ao Servizo Marítimo da Garda Civil con sede en Marín se encontra de baixa médica. A situación afecta a máis de 20 funcionarios do medio centenar que integran o equipo.
Segundo puido saber PontevedraViva, a conxuntura mantense dende hai varios días e podería ter relación cun contexto de malestar dos axentes cos seus mandos.
Os axentes da Garda Civil do Mar teñen como bases de traballo a Escola Naval Militar e o cuartel do Instituto Armado de Marín, se ben organicamente dependen da Comandancia de Pontevedra.
O Servizo Marítimo (Semar) ou a Garda Civil do Mar ten como misión exercer as funcións que lle corresponden á Garda Civil nas augas marítimas e as augas continentais. Tamén inclúe as actividades no medio subacuático, e en particular a custodia das costas e o control da inmigración irregular neste ámbito.
Os axentes realizan labores en materia xudicial (prevención e indagación de delitos, primeiras dilixencias e informes), fiscal (resgardo fiscal do Estado e as actuacións encomendadas a evitar e perseguir o contrabando) e administrativa (conservación da natureza e o medio, control e inspección pesqueira e de embarcacións deportivas, protección do patrimonio histórico mergullado e o control da inmigración irregular). Ademais, colaboran con outros organismos con competencias no mar, como Salvamento Marítimo, Mariña Mercante, Aduanas, Medio, Pesca e a Armada.