Seguimento masivo da folga de estudantes nos institutos da cidade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
As aulas practicamente quedaron baleiras durante este xoves 20 nos centros públicos de ensinanzas medias da cidade con motivo da convocatoria de folga organizada polos sindicatos estudantís Comités, Agir e a Liga Estudantil Galega en contra da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).
Na Xunqueira I, o seguimento alcanzou o 98% tanto en estudantes de bacharelato coma de 3º e 4º curso da ESO, descendendo ao 15% en 1º e 2º. Na Xunqueira II a cifra en bacharelato situouse entorno ao 95% mentres nos cursos da ESO se rebaixaba ao 60%. No Valle Inclán, Sánchez Cantón e no Torrente Ballester, segundo os datos facilitados por estes centros, o seguimento da folga situábase entre o 60 e o 70%.
"As aulas na maioría dos institutos están baleiras. Nos campus por desgraza hai xente que non se entera pero o seguimento é bastante bo", sinalaba o representante da Liga Estudantil Galega, Javier Brea, antes da manifestación que percorreu as rúas de Pontevedra coa presenza de ao redor de 200 estudantes.
Co lema "Por un ensino público, galego, democrático, de calidade e non patriarcal", os estudantes percorreron as rúas de Pontevedra partindo dende a Peregrina para regresar ao mesmo destino. Durante o transcurso, axentes da Policía Nacional requiriron o DNI de varios mozos que ao non presentar documentación foron trasladados a Comisaría para a súa identificación. Este traslado provocou que un pequeno grupo de manifestantes protestasen ante o edificio da Comisaría na rúa Joaquín Costa.
Trinta destes estudantes tamén protagonizaron un peche na Facultade de Belas Artes durante a pasada noite coa celebración de debates sobre a educación.
Segundo manifestaba Javier Brea todas estas manifestacións englóbanse dentro dunha campaña centrada en que o Ministerio de Educación retire a denominada Lei Wert: "O que estamos pedindo é que se retire a LOMCE que é unha lei que expulsa a xente das aulas, que recorta máis aínda as bolsas, privatiza o ensino e así os que teñen cartos poden estudar e os que non temos, non podemos asistir nin as aulas universitarias nin ás de ensino medio polo alto custe da matrícula".