Moreira reitera que os soldos do PP son para María José Rodríguez, César Abal, Ricardo Aguilar e el mesmo
Por Alejandro Espiño
Novo episodio no asunto das dedicacións exclusivas do PP. Tralo Pleno do mércores, no que o goberno municipal aprobou un novo reparto de soldos, que volve deixar aos populares cunha única dedicación exclusiva, Jacobo Moreira insiste en que os tres salarios que lle corresponden ao seu grupo político teñen que repartirse entre el mesmo, María José Rodríguez Teso, Ricardo Aguilar e César Abal. Os dous últimos, repartíndose un deles.
Así se reitera nun escrito presentado este xoves no rexistro do Concello de Pontevedra. Dirixido ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, Jacobo Moreira argumenta que "como xa se lle comunicou o mes pasado", os catro concelleiros deste grupo municipal antes mencionados "seguirán desenvolvendo o seu cargo en réxime de dedicación exclusiva ou parcial ata novo aviso".
Segundo o aprobado no último Pleno, para dar cumprimento á sentenza do TSXG o goberno municipal acordou abonar as tres dedicacións exclusivas das que gozaba anteriormente o PP, desde a data na que se notificou a sentenza, o 20 de decembro, e o pasado mércores, día no que se adoptou o novo acordo. Instábanlle ademais a Jacobo Moreira a decidir quen cobraría a contía desas tres dedicacións durante ese periodo.
Tendo en conta o escrito presentado, enténdese que serán eses catro concelleiros os que percibirán as cantidades correspondentes a ese periodo, quedando fóra dous dos edís que si cobraban previamente, María Biempica e Pablo Fernández.
En todo caso, igual que advertiu varias veces no Pleno, Jacobo Moreira reitera que este novo acordo de reparto de exclusivas, aprobado o mércores, é "nulo de pleno dereito" ao supoñer unha "desviación de poder" e por tratar de eludir o cumprimento da sentenza do TSXG "o que lle reitero (ao alcalde) aos efectos oportunos".
Relacionadas:
-
A Seguridade Social tramita a alta no Concello de Pablo Fernández, concelleiro do PP
Por Redacción |
-
O pleno de marzo volverá debater as dedicacións exclusivas do PP ante a indignación de Jacobo Moreira
Por Redacción |
-
Outro concelleiro do PP reclama ante a Inspección de Traballo pola súa dedicación exclusiva
Por Redacción | Creada e actualizada
-
BNG e PSdeG-PSOE acordan un novo reparto das exclusivas e o PP ameaza con volver o xulgado
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local manterá unha soa dedicación exclusiva para o PP
Por Oskar Viéitez |