Antonio Pena, actual alcalde de Cuntis, reelixido sen oposición como presidente local do PP
Por Redacción
Antonio Pena foi reelixido este venres como presidente local do Partido Popular de Cuntis. Foi nun congreso celebrado na Casa da Cultura da localidade, no que o actual alcalde, o único candidato que se presentou, contou co respaldo do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a voceira do PPdeG, Paula Prado ou o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.
Na súa intervención, Antonio Pena trasladou o seu orgullo por pertencer ao Partido Popular, agrupación política á que sempre estivo vinculado e na que milita desde os 18 anos. "Nunca dubidei en dedicarlle tempo e esforzo a este partido e os resultados víronse nas eleccións do 2007 e nas do 2011, cando a lista do Partido Popular e encabezada por min, resultou ser a máis votada polos veciños de Cuntis", destacou.
Pena referiuse ademais ao seu traballo á fronte da alcaldía "á que lle dedica as 24 horas do día" e que ocupa desde as últimas eleccións. "Cando chegamos ao Goberno atopámonos cunha débeda de 500.000 euros, os establecementos de Cuntis non lle servían nada ao noso concello, porque tiñan medo polos seus negocios, e nós en 6 meses conseguimos acabar con esa débeda, pagar todas as facturas pendentes e que o Concello volvera á normalidade", sinalou.
O alcalde popular apuntou que "sabemos que non chegamos no mellor momento económico, nós non vivimos aquelas épocas nas que entraba tanto diñeiro, pero aínda así estamos facendo cousas que outros con cartos non fixeron".
Neste sentido, destacou que nos últimos anos "logramos contar con un campo de fútbol con condicións inmellorables para os nosos rapaces, conseguimos un investimento por parte da Xunta de Galicia de 1.300.000 euros para saneamento, acondicionamos a capela da Magdalena, continuamos o paseo pola beira do río Gallo, e outras obras de menor relevancia pero que facemos cada día".
Antonio Pena explicou que o seu goberno logrou ademais "situar a Cuntis no mapa e potenciar as súas cualidades para facer do noso concello un destino turístico e de calidade, con iniciativas que axudan ademais ao desenvolvemento económico do Concello como o Parque dos Aromas que se puxo en marcha a fin de semana pasada".
Pola súa parte, o presidente provincial felicitou a Pena e animouno a seguir traballando como ata o de agora, non só por manter o partido unido senón tamén por acadar para o Partido Popular uns resultado históricos, ao lograr que os populares gobernaran por primeira vez en Cuntis. Rafael Louzán eloxiou ademais a capacidade de traballo e diálogo do goberno en minoría de Antonio Pena e lamentou a actitude da oposición.
A candidatura presentada e encabezada por Antonio Pena Abal confórmana ademais: Sonia Miranda, Manuel García, Salvador Pereira, Manuel Bello, Rubén Núñez, José Manuel Rey, Sandra Paramá, Esther Blanco, Pilar García, Aurea Luna, Plácido Carballo, José Manuel Vázquez, Ramiro García, María Luz García, María Jesús Conde, María Jesús Ferro, Jesús Fojo e José Manuel Magariños, entre outros.