Pelexa de galos no Entroido de Poio
Por Oskar Viéitez
Dous galos, o Bruxo e Fodorico, rivalizan no Entroido de Poio que arrancará o primeiro domingo do mes de marzo con dous desfiles.
Por un lado o Galo Bruxo percorrerá a parroquia de Samieira. Será ás 12.00 horas con saída en Arén e remate no campo de fútbol de Río de Bois.
Por outra parte, desfilará o Galo Fodorico, ás catro da tarde. O itinerario é o xa coñecido, dende a Praza da Granxa de Campelo ata o recinto da Seca, onde haberá a entrega de premios do concurso de disfraces e verbena. O concello destina 3.300 euros aos premios.
A Comunidade de Montes de Combarro organiza o día 4 un baile infantil no Ateneo Corredoira, e o Enterro do Mexillón o xoves 6.
O sábado 8, a partir das 20.30 horas en Arís, terá lugar a queima do Galo Fodorico e a III Festa dos Choqueiros, organizada polas asociacións Todos Contra o Lume e Ronsel que incluirá unha sesión de baile amenizada polo dúo Prisma e un DJ.
Os veciños de Campelo convocan para o domingo 9 un baile de máscaras infantil no local social da parroquia.
O sábado 15, terá lugar a incineración do outro galo, o Bruxo, a comitiva fúnebre sairá ás 20.00 horas de Arén e a queima do galo levarase a cabo en Río de Bois, onde estará preparada unha degustación de filloas.
Na parroquia de Raxó, a SCD no Centro Cultural Xaime Illa, organiza un baile de disfraces para o domingo 16.
Finalmente o sábado 22, a Asociación de Veciños de Lourido, enterrará o Berberecho despois dun percorrido que partirá ás 19.30 horas dende o Peirao Besada ata o aparcadoiro situado fronte ao areal de Lourido. A festa rematará cunha chocolatada con churros.