Catro séculos de Entroido percorren o centro histórico
Por Oskar Viéitez
O famoso 'Entroido de Cobres', declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, paseou este sábado polas rúas do centro histórico de Pontevedra.
As 'madamas' e os 'galáns' das parroquias vilaboenses de San Adrián e Santa Cristina, mostraron con orgullo os seus orixinais traxes pertencentes a un entroido de raíces medievais moi vinculado ao mar.
Recolle a tradición que durante varios días madamas e galáns percorren as casas de Vilaboa formando comparsas. Cada comparsa está formada por catro madamas e catro galáns que, ataviados con vistosas vestimentas, decoradas con espellos e símbolos florais, acoden acompañados de varios paisanos vestidos de branco e calados con boina. Cada comparsa percorre as casas á vez que baila ao son da gaita, mentres recada diñeiro para a celebración das festas. Un mordomo acode ao paso levando as contas das achegas que fai cada veciño.
O día grande é o martes de Entroido, cando teñen lugar as copiosas comidas, elaboradas a partir de produtos procedentes do porco. Ata hai uns anos celebrábase a 'corrida do galo', que foi prohibida polas autoridades por ser lesiva para o animal.
A Asociación Cultural Cobres mantén viva esta celebración que preludia o inicio do entroido pontevedrés que arrancará o próximo venres coa chegada do rei Urco e o pregón que lerán na praza da Verdura os integrantes de Os de Sempre.