"Verdura Atlántica", unha iniciativa divulgativa sobre as excelencias de grelos, verzas, repolos ou nabicol
Por Oskar Viéitez
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través da Misión Biolóxica de Galicia, presentou este venres en Pontevedra "Verdura Atlántica", unha iniciativa de transferencia e difusión ao redor dalgúns dos principais cultivos de brásicas (grelo, verza, repolo ou nabicol).
Trátase de dispoñer de recursos audiovisuais para que o conxunto da poboación, especialmente a xente máis nova, poida ter máis información sobre a existencia e a excelencia dos cultivos de brásicas.
Neste acto participaron varias empresas do sector da produción e comercialización interesadas nestes cultivos e concluíu cunha sesión de preparación e degustación de pratos elaborados con brásicas a cargo do chef Gerson Iglesias, cociñeiro do Hotel OCA Vila de Allariz.
Elaborou unha serie de pratos a partir das variedades obtidas no proxecto de investigación como unha "Folla de nabicol crocante", uns "Talos de nabicol marinados", un "Repolo en tempura" ou un "Salmorejo de grelo".
A iniciativa xorde no marco dun proxecto para valorizar os coñecementos e resultados das investigacións en cultivos de brásicas, liderado pola Misión Biolóxica de Galicia en colaboración co Instituto de Agricultura Sostible-CSIC (Córdoba).
Elena Cartea González, responsable do grupo Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas e investigadora do proxecto explicou que "nos últimos anos, grazas á investigación, conseguiuse que estes cultivos sexan máis beneficiosos para a nosa saúde, máis resistentes a pragas e enfermidades e teñan unha maior adaptación a climas cálidos e secos".
Por iso, a finalidade de "Verdura Atlántica" é que a sociedade en xeral, e os produtores e agricultores en particular, sexan coñecedores da existencia destas variedades "de modo que se poida chegar a colaboracións entre a investigación e as empresas para poder poñer no mercado produtos derivados destas variedades de brásicas", explica Elena Cartea.
Pilar Soengas Fernández, integrante do grupo Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas e investigadora do proxecto sinalou que entre os resultados que se obtiveron con estas investigacións destaca a obtención de tres variedades de brásicas enriquecidas en compoñentes bioactivos denominados glucosinolatos, relacionados coa nosa saúde polo seu potencial anticanceríxeno e presentes en todas as partes verdes e sementes destas plantas.
Ademais, identificáronse e mellorado unha variedade de repolo resistente á praga dun insecto, Mamestra brassicae, e unha de verza resistente á enfermidade causada pola bacteria Xanthomonas campestris.
A iso únese a obtención de dúas variedades de grelo, adaptadas ao clima do Sur da Península Ibérica, todas elas listas para ser utilizadas polo sector agrario e alimentario, segundo explicou Pilar Soengas, investigadora principal, xunto con Elena Cartea, no proxecto.
"Verdura Atlántica" articúlase ao redor de tres elementos: en primeiro lugar, unha marca para identificar tanto os resultados deste proxecto como outros que eventualmente poidan xurdir froito de estudos do grupo de investigación.
En segundo lugar, unha páxina web (verduraatlantica.csic.es), cuxo labor é que os usuarios dispoñan de información didáctica sobre as verduras atlánticas como os grelos, as verzas, os repolos e os nabicoles. En terceiro lugar, unha campaña nas redes sociais da Misión Biolóxica de Galicia (X, Instagram, Youtube e TikTok) ao longo dos próximos meses con vídeos divulgativos.
Relacionadas:
-
A Misión Biolóxica quere crecer en Salcedo cun ambicioso plan de expansión
Por Alejandro Espiño |
-
Comeza a comercialización dos chícharos "Bágoa Atlantic", o "caviar vexetal"
Por Oskar Viéitez |
-
Nova edición da "cea-tómbola" da Asociación Contra o Cancro
Por Redacción |
-
RADIO.- Traemos o sabor e recendo dun 'Un puchero de verdades' coa chef Pepa Muñoz
Por Marisa Ciordia |
-
A feira 'A ciencia que vén' celebrarase por primeira vez en Pontevedra
Por Noticia patrocinada |
-
Descobren unha especie nova de esponxa en augas da ría de Arousa
Por Redacción |
-
29 investigacións compiten en Pontenciencia coa participación de máis de 450 estudantes con mente empírica
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
"Oliveiras de Galicia", un proxecto pontevedrés de I+D que pretende fomentar as variedades autóctonas
Por Oskar Viéitez |
-
A Misión Biolóxica lidera tres novas investigacións do CSIC sobre o millo ou os piñeiros
Por Redacción |