Denuncian un condutor dúas veces nunha mañá por conducir bébedo o mesmo coche
Por Natalia Puga
Un mozo de 29 anos deberá someterse a dous xuízos rápidos por dous delitos contra a seguridade do tráfico cometidos con catro horas e media de diferenza en Pontevedra. Atribúenlle conducir bébedo o mesmo coche en dúas rúas distintas da cidade na mañá do sábado 22 de febreiro.
A Policía Local denunciou este rapaz, por primeira vez, ás 7.45 horas na avenida de Bos Aires. Os axentes estaban a realizar un control de alcoholemia na rotonda coa ponte Dos tirantes cando viron que un turismo Toyota Celica circulaba pola ponte de Santiago en dirección a Bos Aires e, ao decatarse da presenza das patrullas policiais, intentou evitalos.
O condutor realizou un xiro brusco cara á zona de estacionamento situada ante o colexio Vidal Portela e, ao ver que os axentes se aproximaban, deixou o coche aberto e botouse a correr para fuxir deles. Segundo informa a Policía Local, os funcionarios non o perderon de vista en ningún momento, seguírono e conseguiron darlle alcance aos poucos metros.
O mozo presentaba claros síntomas de atoparse baixo os efectos do alcohol, de modo que os axentes o someteron a unha proba de alcoholemia. Deu un resultado positivo de 0,90 miligramos por litro de aire expirado, unha taxa constitutiva de delito, de modo que foi denunciado e o seu atestado tramítase como un delito polo que será sometido a un xuízo rápido.
Tras constatar que o condutor estaba ebrio, os axentes indicáronlle que outra persoa debería facerse cargo do vehículo ou pasarían a inmobilizalo e retiralo coa grúa. Unha terceira persoa someteuse á proba de alcoholemia, deu negativo e levou o coche.
Catro horas máis tarde, sobre as 11.55 horas, outra patrulla que estaba a realizar un servizo na rúa Eduardo Pondal cruzouse cun turismo Toyota Celica que circulaba en dirección á estación de ferrocarril e, ao ver os policías, acelerou. Os axentes deron a volta, pero xa o perderon de vista.
Os axentes realizaron xestións sobre este vehículo e comprobaron que o condutor e o coche eran os mesmos que os denunciados no control de primeira hora da mañá. Inmediatamente deuse alerta ao resto de axentes de servizo e uns minutos máis tarde, ás 12.15 horas, localizárono na avenida da Estación.
O condutor era o mesmo e os axentes que o pararon percibiron claros síntomas de que estaba baixo os efectos do alcohol. Deu positivo na proba de alcoholemia cunha taxa de 0,70, de modo que volveu ser denunciado pola vía xudicial e terá que someterse a un segundo xuízo rápido. Transcorreran catro horas e media dende a súa primeira denuncia e supostamente cometeu o mesmo delito co mesmo coche.
SEN CASCO, PERMISO NIN SEGURO
A Policía Local de Pontevedra realizou durante o fin de semana 130 probas de alcoholemia a outros tantos condutores en controis desenvolvidos na mañá e a noite do sábado e a madrugada do sábado ao domingo. Cinco condutores foron denunciados pola vía administrativa por levar un coche borrachos e outro pola vía xudicial.
Ademais, na mañá do domingo denunciaron un condutor que levaba unha motocicleta Derbi sen casco. Os axentes déronlle o alto mentres circulaba e, ao pedirlle a documentación, comprobaron que o rapaz non tiña permiso de conducir e que o vehículo non tiña contratado seguro nin pasara a ITV. Foi denunciado ante o Xulgado de Garda.