Detido tras romperlle a cara ao condutor que non lle cedeu o paso nunha rotonda
Por Oskar Viéitez
Detido un veciño de Pontevedra, como presunto autor dun delito de danos e unha falta de lesións durante o transcurso dunha discusión tras un incidente de tráfico.
Segundo fontes oficiais da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra, os feitos sucederon o día 17 de febreiro cando un veciño de Pontevedra presentaba denuncia nestas dependencias policiais tras sufrir un incidente de tráfico.
A denuncia recolle que, ás 20.00 horas dese mesmo día cando se encontraba circulando co seu vehículo á altura de Campañó e cando se dispoñía a efectuar unha manobra no interior dunha rotonda un vehículo que lle precedía acelerou de forma brusca para adiantalo tendo que frear de xeito violento para evitar unha colisión.
O condutor do outro vehículo parou no medio da rotonda e sen mediar palabra comezou a golpear o coche do denunciante con patadas e puñazos provocando a fractura da lúa da porta do condutor e varias aboladuras no teito e na porta.
Ademais propinoulle un puñazo na cara ao condutor que lle produciu unha contusión nun ollo e no beizo, marchando a continuación do lugar.
A raíz da denuncia os axentes iniciaron as investigacións para tratar de descubrir a identidade do autor da agresión e os danos ao vehículo.
O propietario do vehículo danado achegou á denuncia presuposto de custo de reparación dos danos que poden ascender a 1.018,51 euros.
O día 21 de febreiro ás 09.45 horas os axentes procederon á identificación e detención do presunto autor dos feitos que prestou declaración en dependencias policiais.