O Concello de Poio reclama ao Goberno a retirada das multas aos afectados polas preferentes
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio comprometeuse a retirar as contas que mantén con Novagalicia Banco se o seu novo propietario non cumpre a súa promesa de dar unha solución antes do próximo 31 de marzo a todos os afectados polas participacións preferentes e subordinadas.
No pleno celebrado este martes o goberno local de Poio deu resposta á petición realizada pola plataforma da comarca de Baixo Miño.
O BNG foi o responsable de presentar a moción, obtendo o respaldo dos seus socios de goberno do PSdeG-PSOE e a abstención do Partido Popular.
Na xustificación do seu voto, o voceiro dos populares, Angel Moldes, mostrou a súa discrepancia co punto referido á "condena pública á represión que están a sufrir as vítimas destes produtos mediante sancións administrativas".
No texto aprobado ínstase o subdelegado do Goberno ao ao ORAL da Deputación de Pontevedra a que retiren ou arquiven as devanditas multas.
Non obstante os populares entende que "existen outras vias legais ao alcance dos afectados para reclamar a retirada das multas" e engadiu Moldes que "non imos pedir a retirada de todas as sancións por responsabilidade, xa que teriamos que estudar caso por caso".
A explicación provocou as protestas dos afectados de Pontevedra-Marín e de Baixo Miño que enchían o salón de plenos do concello.
Na provincia de Pontevedra as multas suman máis de 16.000 euros
O voceiro dos afectados, Xulio Vicente, cualificou ás sancións de "inxustas, arbitrarias, abusivas e mentireiras" e citou como exemplos que algunhas das mulleres de idade avanzada foron sancionadas por obstruír un paso de peóns, por enfrontarse ás forzas da orde, por conducir co cinto mal abrochado mentres conducían falando polo móbil, "cando nunca tiveron carné de conducir".
Para demostralo puxeron sobre a mesa os expedientes sancionadores remitidos pola Subdelegación. Segundo os datos ofrecidos por estas plataformas, soamente na provincia de Pontevedra as multas suman máis de 16.000 euros.
OUTROS ASUNTOS
Tamén se aprobou o peche do exercicio económico de 2013.
E finalmente, entre os asuntos mais destacados, o Pleno deu o seu apoio á agrupación formada por furancheiros e viticultores da provincia que pretende que a Xunta que recoñeza a Indicación Xeográfica Protexida Viños da Terra.