Paulo Carril, secretario xeral da CIG, defende en Pontevedra a xubilación voluntaria a partir dos 35 anos cotizados
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Representantes da CIG, co secretario xeral Paulo Carril á fronte, percorreron as rúas de Pontevedra partindo da rúa Alfonso XIII ata as oficinas da Seguridade Social en Gagos de Mendoza.
As mobilizacións, convocadas nas principais comarcas de Galicia, levan a cabo para denunciar a negociación "escurantista" que impide chegar a unha xubilación xusta, segundo manifestaba Carril. despois de manter asembleas de delegados e delegadas do sindicato.
Afirma que se está a negociar "de forma ilegal" ao actuar fóra dos órganos de representación institucional, nos que a CIG debería estar a participar.
Carril indica que o goberno pretende establecer en 63 anos a xubilación parcial "cando existe o triple de desemprego xuvenil" e denuncia que isto supón unha prolongación da vida laboral en situacións que chegan a ser "insalubres, tóxicas, perigosas ou penosas".
Acusa o Ministerio de Traballo e a CCOO, UGT e á patronal de acometer un proceso que empeora as condicións actuais e por este motivo trasladan o debate aos centros de traballo e á rúa a través de mobilizacións.
A CIG reclama que se restableza o dereito para xubilarse parcialmente aos 61 anos para todas as persoas traballadoras en todos os sectores e non só na industria manufactureira.
Tamén demandan recuperar a xubilación aos 65 anos para toda a clase traballadora fronte aos 67 establecidos actualmente. E a xubilación voluntaria a partir dos 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
Paulo Carril insistía en que a reforma proxectada polo Goberno central ameaza con introducir novos recortes no sistema público de pensións e por este motivo é preciso esixir unha xubilación digna.
Relacionadas:
-
"Queremos conciliar, non renunciar", queixa da CIG ao Goberno
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Protesta para denunciar a prolongación da vida laboral sen xubilacións dignas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Concentración da CIG diante do Mercadona de San Mauro para denunciar "represión sindical"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Traballo digno, paz e soberanía dos pobos; reclamación da CIG nas rúas o 1 de Maio
Por Anxo Lourido |