O novo "gran pulmón" da cidade, o parque da Parda, interesa a nove empresas
Por Alejandro Espiño
Nove empresas presentaron as súas ofertas para executar unha das obras máis ambiciosas das impulsadas polo Concello nos últimos anos, a creación do gran parque da Parda.
As nove empresas anunciadas son: UTE Construcciones Ramírez - Construcciones, Obras y Viales (Covsa); a UTE Constructora San José - El Ejidillo viveros integrales; Elsamex Gestión de Infraestructuras; Narom; Oresa Construcción y Servicios Globales; Prace, Servicios y Obras; Construcciones E.C.Casas – Xermolo; Vilariño ESP e Xestión Ambiental de Contratas.
O alto prezo de licitación, algo máis de 5,5 millóns de euros, animou á participación das empresas neste proceso. A intención é que as obras comecen antes de final de ano.
"Quedámonos gratamente sorprendidos", sinalou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, xa que ultimamente a obra pública non tiña tanto eco entre as empresas, "tal vez pola difícil situación económica que atravesou o sector meses atrás".
Gulías explicou que se trata dunha gran mellora para o barrio de maior crecemento da cidade.
Pero engadiu que este parque será tamén un novo espazo de lecer, encontro e esparexemento para todos os pontevedreses, xa que disporá dunha gran zona verde, áreas infantís, miradoiros e ata 200 prazas de estacionamento, entre outras instalacións.
Ademais, segundo destacou a concelleira, "é o primeiro gran paso" para a construción do ansiado complexo deportivo da Parda, que incluirá un pavillón municipal e outro dedicado exclusivamente á ximnasia e á escalada.