Consumo vixía a seguridade de disfraces e outros produtos de Entroido
Por Redacción
O Instituto Galego de Consumo, está a desenvolver unha campaña específica de información e control destinada a garantir a seguridade nas compras de produtos como disfraces e máscaras cuxa venda se intensifica durante a tempada de entroido.
Así, estanse a intensificar as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, ademais de tomar mostras de produtos para a súa análise no Laboratorio Galego de Consumo.
A iniciativa céntrase nos artigos destinados aos nenos, por ser o colectivo máis vulnerable, e nestes momentos xa se está a analizar no Laboratorio de Consumo unha primeira partida de vinte mostras de artigos destinados a menores de 7 anos, entre os que se inclúen disfraces, máscaras, antefaces, perrucas e barbas.
Os disfraces para nenos teñen a consideración de xoguete, polo que teñen que cumprir os requisitos de seguridade que marca a normativa e incluír na súa etiqueta a marca CE, a idade recomendada, as instrucións e advertencias na súa utilización, así como o nome e marca do produto, razón social e enderezo do fabricante ou importador. Recoméndase gardar tanto a etiqueta como a factura, necesaria para realizar calquera reclamación posterior.
Os disfraces dos nenos non deben levar cordóns na zona do pescozo nin botóns ou outros compoñentes perigosos que poidan provocar asfixia. Tampouco se permiten cordóns, fitas, etc, que colguen por debaixo das dobras inferiores da peza. Recoméndase elixir materiais non inflamables, e atender ás indicacións da etiquetaxe neste aspecto, así como manter os nenos afastados de calquera fonte de calor intensa.
Os traxes que non sexan axeitados para nenos menores de tres anos deberán indicalo explicitamente a través dunha advertencia, na que se explique o risco específico que motiva a exclusión. No tocante ás máscaras, hase de comprobar que os orificios son suficientes para permitir unha axeitada ventilación. Con respecto á maquillaxe, deberá ser axeitada para a pel dos nenos, e deberá probarse antes nunha zona da man ou do brazo. Ademais, despois hai que quitar a maquillaxe axeitadamente.