Adxudicadas as rehabilitacións do antigo conservatorio e do edificio municipal de Churruchaos
Por Oskar Viéitez
A mesa de contratación do Concello de Pontevedra vén de propoñer a adxudicación á empresa Obras y Servicios Gómez Crespo da rehabilitación do antigo conservatorio municipal situado na rúa Alfonso XIII para transformalo en centro internacional de creatividade.
A rehabilitación deste coñecido equipamento municipal faise grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos fondos Next Generation.
A oferta económica de Gómez Crespo é de 1.536.196,58 euros (IVE engadido), un prazo de execución de 6 meses e ten un prazo de garantía de dous anos. Ademais, propón realizar todas as melloras incluídas nos pregos.
Estas melloras (fóra do prezo de licitación e asumidas polo contratista) ten un valor de 65.180,88 euros e consisten na mellora dos equipamentos das plantas soto, baixa e sexta. Tamén a mellora acústica e a mellora na instalación de ventilación.
A rehabilitación do antigo conservatorio supón intervir nunha superficie construída de máis de 1.700 metros cadrados.
O soto do edificio pasará a ser unha sala de audiovisuais e albergará a sede do Seminario Permanente de Jazz, namentres que a planta baixa pasará a ser un espazo de “testeo" e proba para iniciativas culturais de diversa índole.
As dúas primeiras plantas habilitaranse para unha aceleradora de economía social na que emprendedores creativos poidan dar os seus primeiros pasos impulsando os seus propios proxectos.
Os andares terceiro, cuarto e quinto serán espazos para desenvolver obradoiros que, nun principio, poderán estar relacionados coa carpintería, a cerámica, o deseño industrial ou os materiais téxtiles, se ben o futuro poderán mudar estas opcións ou adaptalas a outras necesidades.
O edificio tamén albergará unha residencia para creadores no sexto andar, onde artistas convidados poidan impulsar proxectos temporais que ofrezan algún tipo de contraprestación á cidade de Pontevedra.
Por último, o baixo cuberta tamén contará con este uso, a maiores dunha terraza ao aire libre pensada para acoller todo tipo de presentacións e actos culturais.
CHURRUCHAOS
A mesa de contratación do Concello de Pontevedra tamén propuxo a adxudicación á construtora CIES Obra Civil da rehabilitación do edificio municipal de Churruchaos para acondicionalo para oficinas municipais.
A rehabilitación do equipamento municipal faise tamén grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos fondos Next Generation.
A proposta económica de CIES é de 1.274.432,50 euros (a licitación era de 1.372.989,42 euros), dous anos de garantía, seis meses de execución e todas as melloras propostas no prego.
Estas melloras (fóra da licitación e asumidas polo contratista) están valoradas en 82.007 euros e consisten na achega de mobiliario, electrodomésticos e multimedia, e reportaxe fotográfica do transcurso das obras.
A reforma de Churruchaos permitirá acondicionar aos últimos estándares de eficiencia enerxética e ambiental e accesibilidade as catro plantas do edificio para convertelo en oficinas municipais.
Relacionadas:
-
O novo "gran pulmón" da cidade, o parque da Parda, interesa a nove empresas
Por Alejandro Espiño |
-
Vía libre para a rehabilitación do antigo conservatorio e do edificio municipal de Churruchaos
Por Alejandro Espiño |
-
Aproban a concesión de fondos europeos para reformar o antigo conservatorio e o edificio municipal de Churruchaos
Por Anxo Lourido |