A antiga residencia da ONCE reconverterase no "gran centro cívico da Pontevedra Sur"
Por Alejandro Espiño
Pontevedra Sur contará cun gran centro cívico. Será na antiga residencia da ONCE, situada nun edificio anexo ao actual centro de recursos educativos de Campolongo. Trátase dun inmoble, actualmente abandonado, que consta de soto, semisoto, baixo e catro andares e que ocupa uns 5.000 metros cadrados. Ofrecerase como local social ás asociacións veciñais, culturais e sociais da zona.
Así o anunciou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, en rolda de prensa. Destacou que este proxecto enmárcase na actuación global que se está executando en toda a zona sur da cidade, xunto co desdobramento da Avenida de Vigo, a reforma da rúa Estación, a esixencia de mellora da estación de autobuses ou o acondicionamento de toda a contorna do río Gafos.
O edificio, cuxa propiedade é municipal tras ser cedido pola ONCE no marco do convenio urbanístico asinado co Concello de Pontevedra, ten "algún problema", segundo Fernández Lores, debido á súa falta de uso e os danos causados polo temporal. Investiranse máis de 100.000 euros nunha serie de reparacións de urxencia, entre elas, no tellado ou as baixantes de pluviais. Executaranse a partir da próxima semana.
Estas reparacións permitirán que estas asociacións poidan comezar a desenvolver alí as súas actividades. Haberá adaptacións posteriores, aínda que algunhas delas terán que correr por conta dos seus usuarios, en función das súas necesidades. Polo momento, xa se chegou a un acordo coas asociacións veciñais de Amigos de Campolongo, Salcedo Sur e San Brais para que utilicen o inmoble. Os primeiros locais poderán ser cedidos xa este mesmo ano.
Ademais, esta actuación permitirá reaproveitar un pequeno pavillón existente dentro do complexo da ONCE en Campolongo. Di o alcalde que o seu pequeno tamaño o inhabilita para poder celebrar nela competicións deportivas, pero destinarase para a práctica dalgún dos deportes que, actualmente, non dispoñen dun pavillón adaptado, como a ximnasia deportiva ou o taekwondo.
Desbotado o uso para residencia de estudantes da Universidade de Vigo, debido ao alto custo do investimento necesario para adaptalo, o Concello opta así por satisfacer as demandas das asociacións da zona. Negociarase con diferentes colectivos para darlle o "máximo uso posible" ao inmoble, aínda que non se descarta que nun futuro teña tamén algún uso relacionado co ámbito universitario.
O alcalde destacou que este edificio "non ten nada que ver" co resto do convenio asinado coa ONCE no seu día, que incluía a construción dun novo centro de recursos educativos no polígono urbanizable entre Eduardo Pondal, 12 de novembro e Joaquín Costa e que a entidade decidiu paralizar. En todo caso, sinalou que á ONCE "interésalle que este edificio teña uso" para frear o seu deterioramento, ao estar situado dentro dos seus terreos.
Relacionadas:
-
Catro asociacións do ámbito da discapacidade 'capitanearán' o centro cívico de Pontevedra Sur
Por Alejandro Espiño |
-
Un centro cívico social e cultural, proposta do BNG para o vello edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
Os populares esixen que o entendemento no goberno local "vaia algo máis alá de cobrar a fin de mes"
Por Oskar Viéitez |
-
Louro cre que a "ocurrencia" de Lores para o centro cívico na ONCE "non está suficientemente madura"
Por Alejandro Espiño |
-
O PP critica a "desesperación" do goberno local por "presentar algún proxecto"
Por Redacción |
-
A ONCE renuncia a construir o seu novo Centro de Recursos Educativos debido á crise económica
Por Alejandro Espiño |